O Plan de transporte metropolitano da Coruña estrea unha aplicación móbil con información en tempo real sobre o traxecto dos autobuses

Venres 20 de Xullo de 2018

O Plan de transporte metropolitano da Coruña estrea unha aplicación móbil con información en tempo real sobre o traxecto dos autobuses

• Trátase dunha nova versión da aplicación do Transporte Público de Galicia, dispoñible para IOS e Android, que ofrece datos sobre paradas e horarios dos buses en tempo real e realizar búsquedas
• A previsión é estendela de xeito progresivo por toda Galicia e incorporar tamén o pago desde o móbil
• Con esta iniciativa o Goberno galego continúa a apostar pola mellora do transporte público na Coruña, reforzado pola posta en marcha do plan de acceso dos autobuses interurbanos ao centro da cidade
• Desde novembro, rexistráronse case 860.000 viaxes de autobús empregando as novas paradas do núcleo urbano
• Desde a implantación da súa primeira fase, no pasado mes de novembro, rexistráronse incrementos medios do 5% no número de viaxeiros do transporte inteurbano

Os usuarios do Plan de accesibilidade do transporte metropolitano ao centro da Coruña xa poden acceder ás paradas e ao horario dos autobuses en tempo real, grazas á actualización da aplicación do Transporte Público de Galicia da Xunta, publicada hoxe. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) prevén ampliar esta nova funcionalidade a outras zonas de Galicia de xeito progresivo e nun futuro que sexa posible, ademais, realizar o pago desde o móbil.

A nova versión da aplicación, dispoñible para os sistemas operativos iOS e Android  permite realizar buscas por liñas (por concello e empresa) e por paradas (por concello, dirección, paradas próximas e por nome).  

Unha vez que o usuario accede á liña do seu interese, a app móstralle os horarios de saída, os horarios de paso por parada e a representación gráfica da liña sobre o mapa. Se accede á parada poderá informarse dos próximos servizos que pasan esa parada con información en tempo real e a representación gráfica da parada sobre o mapa. 

Con esta nova iniciativa, a Xunta de Galicia continúa a avanzar na súa aposta polo transporte público, que na área da Coruña se viu notablemente mellorada grazas á activación, o pasado mes novembro, do Plan de accesibilidade dos autobuses ao centro urbano da cidade.

Esa iniciativa, que se foi desenvolvendo por fases e cuxo despregamento culminou o pasado 28 de maio, consiste en facilitar que os autobuses realicen paradas no centro urbano,a demais de na estación de autobuses, eliminando a necesidade de transbordos e reducindo, con carácter xeral, os tempos de viaxe. Nese sentido, consitúe unha eficaz ferramenta de fomento do uso do transporte público.

De feito, este Plan de accesibilidade está a rexistrar unha moi boa acollida entre os usuarios do transporte interurbano, rexistrando preto de 860.000 viaxes con orixe ou destino nas novas paradas. Desde a implantación da súa primeira fase, no pasado mes de novembro, rexistráronse incrementos medios do 5% no número de viaxeiros do transporte inteurbano.

Seguimento das bonificacións 

A aplicación do Transporte Público de Galicia púxose en marcha en setembro do ano pasado, ofrecendo aos usuarios do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia con dereito a bonificacións sociais ou coa tarxeta  Xente Nova, ver o resumo de reembolsos realizados e recibir notificacións das súas recargas nos seus dispositivos móbiles.

O seu uso é sinxelo e, unha vez instalada no dispositivo móbil, só hai que rexistrase e xa se poden incorporar á aplicación as diferentes tarxetas das que sexa usuario. A app mostra en orde cronolóxica os reembolsos pendentes de cobro por tarxeta e a data límite para cóbralos. Ademais, o usuario recibirá notificacións das novas recargas e da  súa caducidade. A aplicación tamén permite facer suxestións a través dun formulario no que trasladar calquera proposta, recomendación ou mellora por parte dos usuarios.
Tamén esta dispoñible o portal do transporte público de Galicia (bus.gal), onde os usuarios do transporte poden consultar os horarios dos servicios de transporte público regular por estrada en Galicia e dos servizos baixo demanda a través do buscador do portal.

Plan Tecnolóxico do Transporte

Estas iniciativas enmárcanse no Plan tecnolóxico do Transporte da Xunta de Galicia que, entre outros obxectivos, busca potenciar o uso do transporte con novos servizos de información para os cidadáns con sistemas que permitan tanto novos modelos de pago, como de transporte como o transporte a demanda.