O Plan de Formación do Voluntariado Dixital da Xunta 2016 aborda o uso da ferramenta Canvas na innovación social dixital

Mércores 29 de Xuño de 2016

O Plan de Formación do Voluntariado Dixital da Xunta 2016 aborda o uso da ferramenta Canvas na innovación social dixital

Celebrarase en Santiago o 4 e 5 de xullo e en Ourense os días 6 e 7 dese mes

A formación está dirixida aos voluntari@s dixitais, ao persoal técnico de entidades de acción social, aos axentes TIC das aulas CeMIT e a calquera persoa ou organización interesada nestes temas

A inscrición é de balde e as prazas son limitadas

O Plan de formación continua do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, impulsado pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación  e Voluntariado da Consellería de Política Social, celebra o vindeiro mes as xornadas sobre “Innovación social dixital dende unha análise de ferramentas Canvas.”

As xornadas dirixidas a voluntarios dixitais, persoal técnico de entidades de acción social, axentes TIC das aulas CeMIT-Innova e a calquera persoa e/ou organización interesada nestes temas, amosarán o emprego dunha serie de ferramentas que lles permitirá definir os seus proxectos de innovación social dixital, atopar solucións aos problemas e traballar de forma colaborativa.

A formación desenvolverase en dous talleres estruturados en dúas xornadas de 12 horas: unha no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago de Compostela o día 4 de xullo de 10:00- 14:00 e de 16:00-20:00 e o día 5 de 10:00-14:00, e outra edición no Centro da Molinera de Ourense o día 6 de xullo de 10:00- 14:00 e de 16:00-20:00 e o día 7 de 10:00-14:00.*

A inscrición é de balde, ten prazas limitadas e pódese formalizar na web de voluntariado galego ata o 1 de xullo ás 12:00horas para a formación de Santiago e ata o 5 de xullo ás 12:00 no caso da formación de Ourense:

O experto
Para que os participantes consigan o obxectivo de construír innovación social dixital contarase coa presenza de Paco Prieto, consultor en creatividade e innovación en talento corporativo, que facilitará a todos os asistentes a claves para aplicar a ferramenta canvas a través de casos prácticos e colaborativos.

Programa de Voluntariado Dixital - VOLDIX
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación  e Voluntariado, que conta xa con 487 persoas voluntarias e 142 aliad@s dixitais. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas maiores, persoas con discapacidade, etc).

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.

Voluntariado Galego
O Voluntariado Galego é outra das apostas da Consellería de Política Social para enmarcar todas as iniciativas que fomentan a participación e a solidariedade dos galegos e galegas, e a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación  e Voluntariado, continuase traballando para promover a participación e o voluntariado en colaboración coas entidades de acción voluntaria para contribuír ao desenvolvemento individual e colectivo da sociedade.

*Acceso aos programas de ambas edicións

Formación en Santiago de Compostela (4 e 5 de xullo)
Formación en Ourense (6 e 7 de xullo)