O Plan de Banda Larga facilita o acceso á internet este ano a 250.000 galegos que non dispoñían de cobertura

Luns 15 de Novembro de 2010

O Plan de Banda Larga facilita o acceso á internet este ano a 250.000 galegos que non dispoñían de cobertura

As accións postas en marcha nos primeiros nove meses do Plan permiten reducir nun terzo a poboación sen acceso á banda larga en Galicia

Os primeiros despregamentos realizáronse nas zonas con máis dificultades de acceso posibilitando que antes de fin de ano 34.000 habitantes de máis de 2.000 núcleos do sur de Lugo e a súa contorna poidan acceder á Rede

Ademais, case 37.000 habitantes de máis de 150 núcleos de poboación do rural galego sen cobertura tamén poderán dispoñer de Internet neste ano

Adicionalmente, a implantación de infraestruturas realizadas conxuntamente coas Deputacións de Pontevedra e Ourense posibilitarán no 2010 o acceso á Rede a máis de 136.000 e case 75.000 habitantes, respectivamente, en zonas sen cobertura

Antes de que remate o ano case 52.000 galegos poderán dispoñer de velocidades de 100 Mbps grazas a implantación das redes de Nova Xeración

A maior parte dos centros administrativos públicos e máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura tamén disporán de acceso á Internet este ano

Antes de que remate o ano en torno a 250.000 galegos que carecían de cobertura terán a posibilidade de acceder á Internet de calidade grazas ao O Plan Banda Larga de Galicia 2010-2013, reducindo nun terzo a poboación da Comunidade que non dispoñían de acceso á Rede. A día de hoxe, e tras á posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan son xa máis de 150.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo.

Ademais, no presente ano conseguirase garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos servizos públicos sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.
Así o explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a presentación do balance das actuacións do Plan de Banda Larga que está a desenvolver o seu departamento.

Mar Pereira indicou que o Plan contempla cinco actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbsp), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia.
Para levar a cabo as actuacións en marcha ata a data, a Xunta de Galicia está a investir 70 millóns de euros cos que está a mobilizar un orzamento total de 200 millóns de euros entre capital público e privado.

Redes sen fíos para as zonas con máis dificultades de acceso
O despregamento de redes sen fíos comezou polas zonas con máis dificultades de acceso, núcleos rurais do sur da provincia de Lugo e a súa contorna. Para iso, a Xunta concedeu o pasado mes de setembro unha orde de subvención ao operador Iberbanda por valor de 600.000 euros que xerará un investimento total de case 2 millóns de euros.

Con este orzamento Iberbanda achegará antes de que remate o ano o acceso á banda larga de calidade a máis de 34.000 habitantes dun total 2.222 núcleos de poboación do sur de Lugo e a súa contorna que actualmente non contan con cobertura. A partir do 29 de novembro xa disporán de posibilidade de acceso ao servizo case 28.000 habitantes destas zonas. O servizo que proporciona Iberbanda nesta zona ten unha velocidade mínima de 2 Mbps.

Colaboración coas Deputacións
Co apoio da infraestrutura de Retegal, a Xunta está a levar a cabo os despregamentos de redes de acceso sen fíos conxuntamente coa Deputación de Pontevedra e coa Deputación de Ourense.

A día de hoxe xa dispoñen de posibilidade de acceso á rede 85.324 habitantes dos case 136.394 habitantes que non contaban con cobertura e que se cubrirán antes do remate do ano 2010 grazas ao proxecto conxunto coa Deputación de Pontevedra.

Pola súa banda, como resultado do proxecto de despregamento levado a cabo conxuntamente coa Deputación de Ourense case 75.000 habitantes que non contaban con cobertura poderán ter acceso a internet antes do remate de 2010. A día de hoxe xa dispoñen de posibilidade de acceso á rede 60.555 habitantes.

Extensión de redes fixas
A Xunta de Galicia concedeu o pasado mes de setembro unha orde de subvención de case 6 millóns de euros a Telefónica para o despregamento de redes fixas de alta velocidade que garantan a capacidade de acceso a Internet de banda larga nos núcleos sen cobertura con maior demanda de servizo.

Con esta actuación que xerará un investimento total de preto de 29 millóns, Telefónica posibilitará antes do remate do ano 2010 que 36.750 persoas dun total de 151 núcleos, que ata agora non contaban con cobertura dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade cunha velocidade mínima de 6 Mbps.

A día de hoxe, grazas aos avances abarcados no despregamento da nova rede, xa dispoñen de cobertura deste servizo de banda larga de calidade 28.297 habitantes de 117 núcleos de poboación.

Velocidades de 100 Megas
Outro dos obxectivos do Plan é incentivar o desenvolvemento das redes máis punteiras con velocidades de 100Mbps. A Xunta de Galicia concedeu o pasado mes de setembro unha orde de subvención ao operador R Cable e Telecomunicacións de Galicia S.A por valor de 28 millóns de euros para o despregamento de redes de nova xeración nos núcleos de máis de 500 habitantes que, dispoñendo de cobertura de banda larga, presenten unha alta demanda de servizo, excluíndo os principais núcleos de poboación das sete grandes cidades.

Deste xeito, con esta achega que conseguirá un investimento global de case 130 millóns o operador R posibilitará o acceso a redes de nova xeración, e por tanto, con velocidade de 100Mbps, a case 52.000 habitantes de 26 núcleos de poboación. A día de hoxe, grazas aos avances nos despregamentos previstos para o ano 2010 xa contan con acceso case 25.000 habitantes.

Potenciación do operador público Retegal
Outra das actuacións do Plan é o reforzo da rede de telecomunicacións do operador público de Retegal o que permitirá acelerar e optimizar o despregue da banda larga no rural mediante o aproveitamento das infraestruturas públicas. Así, o operador público contará con máis de 350 emprazamento e xa no 2011 con máis 1.855 Km de fibra óptica postos a disposición do resto de operadores que permitirán axilizar e maximizar os resultados dos proxectos de extensión de redes sen fíos.