O Plan de Banda Larga da Xunta quintuplicou a poboación con acceso a internet no concello ourensán de San Cristovo de Cea

Martes 26 de Febreiro de 2013

O Plan de Banda Larga da Xunta quintuplicou a poboación con acceso a internet no concello ourensán de San Cristovo de Cea

As actuacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica permitiron incrementar o número de veciños con cobertura de 500 a 2.200 a día de hoxe

Na comarca de O Carballiño a conexión á rede chegou a 11.700 persoas grazas ao Plan

O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que está a percorrer diversos municipios de toda a comunidade autónoma

O Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego, chegou hoxe ao concello ourensán de San Cristovo de Cea. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitouna esta mañá acompañado polo alcalde do municipio, José Luis Valladares.

Esta iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Movistar, céntrase nos municipios aos que o teleoperador e o Plan de Banda Larga da Xunta xa posibilitaron a conexión á rede. A aula móbil visitará durante os vindeiros meses 82 municipios galegos co obxectivo de trasladar as vantaxes de Internet á poboación do rural beneficiada polo Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia.

O delegado territorial destacou a importancia de informar “a pé de rúa” ao cidadán dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e tamén de xerar demanda de uso “informando das vantaxes que internet lle pode proporcionar a cidadáns e empresas no día a día”.

Martínez lembrou que o Plan está a cumprir os obxectivos previstos reducindo a fenda dixital en Galicia e proporcionando cobertura, desde a súa posta en marcha en 2010, a máis de 630.000 galegos que carecían de conexión a Internet, o que supón diminuir en máis dun 82% poboación sen cobertura na Comunidade.

No caso do concello de San Cristovo de Cea, indicou o delegado territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a 2.233 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón máis do 98% da poboación do municipio e multiplicar por cinco os 554 veciños con servizo de Internet antes do Plan. Hai dous anos a cifra non chegaba ao 17% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante, menos dun 2%, cubrirase vía satélite.

Canto á comarca de O Carballiño, na actualidade, 29.194 persoas contan con conexión á rede. Grazas ao Plan, a poboación con cobertura pasou dun 59,33% a máis dun 98%, cubríndose o resto vía satélite.

As vantaxes de Internet para a vida cotiá

A unidade móbil do Roadshow Movistar Galicia conta con 4 postos con ordenador nos que de forma gratuíta se levarán a cabo diferentes demostracións para que os usuarios experimenten de forma práctica o sinxelo que resulta realizar unha compra online, solicitar unha cita médica, renovar o DNI ou consultar todo tipo de información -prensa, música, ofertas de emprego, partes meteorolóxicos, trámites coa Administración a través da sede electrónica da Xunta, etc. -. A aprendizaxe estará supervisada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

Paralelamente, desenvolveranse accións formativas e informativas a pé de rúa, a través de equipos de traballo provistos dunha tablet e conectados á Rede mediante un USB, que explicarán aos veciños de cada localidade as vantaxes de Internet para a vida cotiá.

Tamén, e como antes se apuntaba, como novidade nesta segunda fase está a posibilidade de que asociacións, colexios ou calquera colectivo poida solicitar a visita - mediante cita previa- dun especialista de Telefónica, coincidindo coa estanza do Roadshow na súa localidade, para que os asesore no súa iniciación na Rede. Os contidos destas sesións prácticas estarán adaptados aos diferentes perfís de usuario.

O Plan reduciu en máis dun 82% os galegos sen cobertura na Comunidade

A día de hoxe, grazas ás accións do Plan de Banda Larga son xa máis de 630.000 os galegos que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. Desde mediados de 2010 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegase a máis do 95% de media fronte ao 70% existente en 2009.