O Plan de Banda Larga da Xunta posibilitará a conexión á rede á práctica totalidade dos veciños de parroquia de Figueiras (Santiago) a finais de 2012
A finais de 2009, antes do inicio do Plan, só o 10,6% habitantes desta zona contaba con cobertura de banda larga de calidade
O Plan de Banda Larga da Xunta permitirá que, a finais de 2012, a práctica totalidade dos veciños de Figueiras teñan posibilidade de conectarse á Internet. Esta parroquia é unha das 27 pertencentes ao Concello de Santiago que presentaba unhas porcentaxes de cobertura máis baixas.
A finais de 2009, antes do inicio do Plan, só o 10,6% dos veciños contaba con cobertura de banda larga de calidade. Desde setembro pasado, cando se iniciou o despregamento de redes 3G na zona, conseguiuse elevar esta porcentaxe ata o 37%. Esta actuación do Plan de Banda larga posibilitará que, a finais de ano, esta porcentaxe se achegue practicamente todos os veciños. Para aquelas zonas ás que non se chegue con esta tecnolóxica, está prevista a cobertura vía satélite a finais de 2013.
O Plan de Banda Larga é un Plan a catro anos que se está a desenvolver de xeito progresivo nos núcleos da Comunidade sen cobertura. No Concello de Santiago viven arredor de 95.000 das cales unas 15.000 están diseminadas nun total de 238 núcleos de poboación fóra da zona urbana. Este feito unido á orografía galega dificultaban ata agora a extensión de redes de telecomunicación. Unha situación que quere reverter o Plan incentivando a implantación destas redes e obrigando aos operadores a dar servizo a onde ata agora non chegaban.
Tecnoloxía 3G
A solución tecnolóxica 3G é unha das actuacións previstas no Plan en colaboración co operador Telefónica, para dotar de cobertura ata 2013 a máis de 11.000 núcleos do rural galego e 250.000 persoas. Trátase da tecnoloxía o UMTS/ 3G na banda de 900 Mhz., que permitirá unhas mellores cotas de cobertura que as existentes ata agora. Entre as principais características da tecnoloxía UMTS-3G, destaca a súa estabilidade e a súa escalabilidade, é dicir, a súa capacidade para aumentar progresivamente a velocidade de descarga de datos.
Plan de Banda Larga
A día de hoxe, o Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, conseguiu que máis de 400.000 galegos que carecían de cobertura a mediados de 2010 poidan acceder á Internet.
Cómpre recordar que antes do comezo do Plan había en Galicia 786.000 persoas sen acceso á Rede. Grazas aos avances do Plan, desde mediados de 2010, reduciuse a porcentaxe de galegos sen cobertura en máis da metade. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e en 2011 esta porcentaxe diminuía ata un 5,5%.
Para consultar a evolución do Plan, o usuarios poden dirixirse á Oficina de Banda Larga no teléfono 981 95 78 68 ou a través do mail oficina.bandalarga@xunta.es