O Plan de Banda Larga da Xunta posibilita o acceso ás redes de nova xeración de 100 megas a 6.000 habitantes da provincia de Ourense
Antes do remate deste ano, o Plan duplicará a cobertura destas redes punteiras ata acadar case 12.000 persoas
A estimación prevista para toda a Comunidade é que no ano 2013 máis de 1 millón de galegos se beneficien das Redes de Nova Xeración
As extensión de redes NGAs é unha das cinco liñas de acción do Plan de Banda Larga que ten como obxectivo acadar o 100% de galegos con cobertura en 2013
O conxunto de actuacións do Plan permitiu que, a día de hoxe, preto de 82.000 ourensáns que carecían de cobertura xa teñen acceso a internet
Para acadar este obxectivo a Administración autonómica investiu en 2010 un total de 3,8 millóns de euros na provincia
A día de hoxe e grazas ao despregamento de Redes de Nova Xeración (NGAs) do Plan Banda Larga da Xunta na provincia de Ourense preto de 6.000 habitantes pertencentes aos núcleos de O Barco e A Rúa de Valdeorras xa poden acceder a redes de 100Mbps de velocidade. Antes do remate do ano duplicarase a cobertura nos devanditos núcleos ata acadar arredor de 12.000 habitantes cubertos nesta provincia.
Unha vez finalizado o Plan da Xunta en 2013, poderanse conectar a estas redes máis de 50.000 habitantes da provincia de Ourense, pertencentes aos núcleos de Allariz, A Valenza, O Barco, Viloira, Carballiño, Celanova, Xinzo de Limia, Maceda, Ribadumia, A Rúa de Valdeorras e Verín. A estimación prevista para toda a Comunidade, é que no ano 2013 máis de 1 millón de galegos se beneficien das redes con velocidades de servizo de 100 Mbps.
Cinco liñas de acción
A actuación de despregamento de redes NGAs é unha das 5 actuacións de despregamento de redes de telecomunicación xa en marcha do Plan Banda Larga. Estas permiten aos cidadáns conectarse á Internet con velocidades de 100 Mbps, posibilitando o acceso a novos e máis avanzados servizos da sociedade da información.
Para levar a cabo o despregamento destas redes, a Xunta concedeu en 2010 unha subvención ao operador R Cable e Telecomunicacións de Galicia S.A por valor de 28 millóns de euros, coa que se conseguirá mobilizar un investimento total de case 130 millóns de euros. Deste xeito, o apoio da Administración Autonómica ao operador R reforza o obxectivo de situar a Galicia á vangarda das telecomunicacións para competir en Europa e no resto do mundo.
Novos servizos avanzados
Ademais de todas as vantaxes que as redes de nova xeración ofrecen tanto en velocidades como en posibilidades de desenvolvemento, R, como operador encargado do despregamento, inclúe na súa oferta un paquete de servizos adicionais (para todas as novas localidades con cobertura) no que se inclúen a televisión de alta definición, o vídeo baixo demanda e aplicacións interactivas a través da televisión: un servizo de información de emerxencias do 112 por localidades, unha rede wifi que permita dispoñer de acceso a Internet nas áreas públicas e mesmo teleasistencia para persoas con discapacidade para, por exemplo, comunicar en liña a través do televisor cos centros asistenciais. Do mesmo xeito, co wifimedia de R, os clientes deste servizo disporán dun sistema para acceder aos seus arquivos dende calquera aparello con wifi na casa o na empresa (portátil, PC, tableta ou ‘smartphone’).
Avances na cobertura de banda larga na provincia de Ourense
Co resto de accións enmarcadas no Plan de extensión de redes de banda larga, a Xunta de Galicia posibilitará o acceso á Internet de calidade a todos os galegos en 2013.
Na provincia de Ourense, grazas ás actuacións postas en marcha a día de hoxe, preto de 82.000 habitantes que carecían de cobertura xa teñen acceso á rede. En pouco máis dun ano tras o comezo dos despregamentos do Plan, conseguiuse estender a cobertura de Internet de calidade ata acadar un total de máis do 84% da poboación cuberta na provincia fronte ao 59% inicial.
Para conseguir este obxectivo, a Administración autonómica investiu no pasado ano 2010 un total de 3,8 millóns de euros no despregamento de infraestruturas de telecomunicacións na provincia.
O Plan reduciu máis dun 41% os galegos sen cobertura na Comunidade
A nivel de comunidade, son xa máis de 322.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 87,35% fronte ao 70% existente en 2009.
A posta en marcha destas iniciativas enmarcadas no Plan está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.
Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.