O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á internet a preto de 2.000 veciños de San Cristovo de Cea que carecían de cobertura

Sábado 09 de Xullo de 2011

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á internet a preto de 2.000 veciños de San Cristovo de Cea que carecían de cobertura

En menos dun ano a porcentaxe de poboación con acceso á Rede no municipio incrementouse nun 73%, pasando do 17% a máis do 90% grazas ao Plan

A previsión é que no 2013 a cobertura no municipio chegue a case o 97% con redes fixas e redes sen fíos e completar ao 100% a través de satélite

En menos dun ano o Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia posibilitou que preto de 2.000 veciños do Concello de San Cristovo de Cea, que carecían de acceso á Rede, teñan a posibilidade de conectarse a Internet. Isto supuxo incrementar nun 73% a porcentaxe de poboación con cobertura nesa localidade.

Antes da posta en marcha do Plan tan só o 17% dos habitantes deste municipio da Comarca do Carballiño dispoñían de acceso á Rede. Tras o despregamento de redes fixas e redes sen fíos nesta zona, a cobertura incrementouse ata máis do 90% da poboación. A previsión é que no 2013 o Concello acade de preto do 97% de cobertura a través deste tipo de redes, unha porcentaxe que chegará ata o 100% a través de satélite.

Velocidades de 6 Mbps
Unha das liñas de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps. Para o despregamento destas infraestruturas de telecomunicación na Comunidade a Xunta concedeu a Telefónica o pasado mes de setembro unha subvención de preto de 5,3 millóns de euros.

Con esta actuación, que xerará un investimento total de case 23 millóns, Telefónica posibilitou xa que ao redor de 45.300 persoas dun total de 182 núcleos de toda Galicia, que ata agora non contaban con cobertura, dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade.

Melloras do Operador
O operador Telefónica, tras o despregamento de redes neste municipio ourensán, mellorou a súa oferta na zona ofrecendo desde finais de 2010 un servizo de 10Mbps en lugar do de 6Mbps ao mesmo prezo. Ademais, os clientes dispoñen sen custe adicional dun sistema de almacenamento privado, “Terabox”, cunha capacidade de ata 100Mbps. Estas melloras forman parte dos compromisos acadados polo operador dentro do Plan de Banda Larga da Xunta.

O Plan reduciu en preto do 41% os galegos sen cobertura na Comunidade
A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa en torno a 321.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

O Plan contempla seis actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia. Proximamente porase en marcha unha nova actuación para completar a cobertura nas zonas rurais.