O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso á internet a máis de 11.000 veciños das comarcas luguesas de Sarria e Meira que carecían de cobertura
Máis de 9.600 habitantes dos 7 municipios de Sarria contan xa con posibilidade de acceso a Rede grazas á iniciativa da Xunta
En ano e medio as accións do Plan duplicaron a porcentaxe de poboación con acceso á Rede na comarca de Meira pasando dun 32% a máis dun 64%
O Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta posibilitou que 9.644 veciños da comarca de Sarria e outros 1.843 da Comarca de Meira que carecían de acceso á Rede teñan a posibilidade de conectarse a Internet. O obxectivo do Plan, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, é acadar no 2013 o 100% de cobertura na comunidade.
Sarria
Na comarca de Sarria o Plan facilitou o acceso á rede a 9.644 veciños sen cobertura grazas ás actuacións levadas a cabo nos sete municipios que a integran, o que supuxo pasar dun 35% da poboación cuberta ao 74%. Antes da posta a maioría dos concellos superaba o 16% de habitantes con cobertura.
Os incrementos máis destacados producíronse nos concellos de O Incio e Samos nos que se partiu dunha cobertura practicamente nula a superar o 46% e 40% respectivamente, o que beneficiou a preto de mil veciños no Incio e a case 700 en Samos. Os despregamentos do Plan beneficiaron tamén a 1.340 veciños de Láncara, preto de 900 de Paradela, máis de 1.370 do Páramo, preto de 4.000 de Sarria e case 500 de Triacastela.
Meira
Na comarca de Meira as accións do Plan permitiron duplicar a cobertura pasando dunha porcentaxe de poboación cuberta do 32% a máis do 64% da poboación. A previsión é que no 2013 a comarca se aproxime ao 90% de cobertura, unha porcentaxe que chegará ata o 100% a través de satélite.
O incremento de cobertura por municipio é moi significativo especialmente no caso de Meira e Pol que pasaron de ter un cobertura practicamente do 33% a máis dun 79% e do 25% a máis do 61%, respectivamente. En Ribeira de Piquín o Plan permitiu que a porcentaxe de poboación con acceso a internet pasara do 15,68% a preto do 26% e en Riotorto do 47,% inicial ao 67% da poboación cuberta.
O Plan reduciu en máis da metade os galegos sen cobertura na Comunidade
A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa máis de 393.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009.
A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 5,5%.
Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda de servizos públicos (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.