O Plan de banda larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet de ata 350 mbps ao polígono industrial de Arzúa
O delegado territorial visitou hoxe a sede da asociación de empresarios do parque arzuán e animou ás empresas a emprender a súa transformación dixital
Ovidio Rodeiro tamén destacou que Arzúa recibe fortes investimentos da Consellería do Medio Rural, en concreto 105.000 euros para pistas municipais e 630.000 para a incorporación de mozos e para melloras en explotacións
O Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia e o operador galego R facilitarán este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps ao polígono empresarial de Arzúa, segundo puxo de manifesto o delegado territorial da Xunta na Coruña na visita que realizou á sede da asociación de empresarios deste parque. En 2016 completouse o despregamento en seis polígonos da provincia da Coruña. En 2017 cubriranse outros dez e en 2018 os nove restantes previstos no Plan.
Con esta actuación, as empresas da superficie empresarial de Arzúa poderán contratar servizos de internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R pon a disposición das empresas do polígono a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción a man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (I o T) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
Na súa visita a Arzúa, o delegado territorial tamén informou que neste municipio a Consellería de Medio Rural financiou o ano pasado con algo máis de 105.000 euros obras de mellora en nove pistas e camiños rurais do concello, que afectaron a preto de cinco quilómetros de vías de titularidade municipal. Os camiños arranxados foron: Pista do Viso a Tras Igrexa; Pista en Cortobe; Pista do Piqué a Ponte Lema; Pista en Lema e Pista en Dodro.
O Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias inxectou nos concellos da provincia un importante impulso para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria. Os criterios para o reparto foron acordados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Por último, Rodeiro Tato quixo destacar a forte puxanza do sector primario en Arzúa, xa que esta concello foi un dos máis beneficiados polas axudas da Consellería do Medio Rural á incorporación de mozos e mozas e á modernización das explotacións agrarias. A Xunta de Galicia apoiou en Arzúa sete proxectos de modernización en empresas agrarias e nove novas incorporacións de menores de 30 anos, cunha axuda conxunta de 630.000 euros.
Os beneficiarios destas dúas liñas de axudas ao agro son explotacións agrarias e gandeiras que, por unha banda, reciben subvencións de máis de 60.000 euros de media para financiar os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global da explotación, como a compra de nova maquinaria, plantación e mellora de cultivos, a posta en marcha de novas instalacións ou terreos e adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos.
No total provincial, a Xunta de Galicia apoiou en 2016 a un total de 300 explotacións agrarias da provincia da Coruña para modernizar as súas producións a través de plans de mellora e para incorporacións dos mozos á actividade agraria, achegando axudas de preto de 15,6 millóns de euros. Por outra banda, tamén se incorporaron ao agro 164 novos mozos e mozas, cunha axuda media de 40.000 euros.