O Plan de Banda Larga da Xunta facilita o acceso a internet a máis da metade dos veciños do concello de Curtis que non dispoñían de cobertura
A previsión é que no 2013 o Concello de Curtis acade unha porcentaxe de arredor do 85% fronte ao 21,41% existente antes do comezo do plan
A extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica nesta zona no marco do Plan garanten unha velocidade de 6 Mbps
En menos dun ano o Plan reduciu nun terzo a poboación sen cobertura en Galicia
O Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia posibilitou que máis da metade da poboación do Concello de Curtis, que carecía de acceso á Rede, teña a posibilidade de conectarse a Internet.
Ao inicio do Plan un total de 3.300 veciños do municipio non dispoñían de acceso á Rede. Tras o despregamento de redes fixas nesta zona proporcionóuselle cobertura a máis da metade desta poboación. As actuacións do Plan no Concello beneficiaron ata agora a dous núcleos de poboación, Teixeiro e Curtis-Estación, que aglutinaban a máis da metade dos habitantes sen cobertura no municipio.
A previsión é que no 2013 o Concello acade unha porcentaxe de en torno ao 85% de cobertura fronte ao 21,41% existente antes do comezo do plan. Unha cobertura que xa se incrementou no primeiros meses de actuación do Plan acadando a día de hoxe o 68,20%.
o Previsións Plan de Banda Larga Concello de Curtis
| PROVINCIA | COMARCA | CONCELLO |
Cobertura inicio PBL |
Cobertura actual |
Previsión 2013 |
| A Coruña | Betanzos | CURTIS | 21,41% | 68,20% | ~ 85% |
Velocidades de 6 Mbps
A liña de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps. Para o despregamento destas infraestruturas de telecomunicación na Comunidade a Xunta concedeu a Telefónica o pasado mes de setembro unha subvención de preto de arredor de 6 millóns de euros.
Con esta actuación, que xerará un investimento total de preto de 29 millóns, Telefónica posibilitou xa que preto de 44.500 persoas dun total de 179 núcleos de toda Galicia, que ata agora non contaban con cobertura, dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade.
Polígono Industrial
Ademais o Polígono Industrial Curtis-Teixeiro está incorporado ao proxecto WIMAX en polígonos industriais e parques empresariais que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para paliar as carencias no acceso a internet de banda larga nestes puntos. Esta iniciativa, sufragada en parte co Fondo Feder, permite ás empresas e os residentes na zonas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2 ata 12Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais
Reduciuse nun terzo a poboación sen cobertura
A día de hoxe, e tras á posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa en torno a 260.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,7% fronte ao 71,8% existente en 2009.
A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.
Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda estratéxica para a administración (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.
O Plan contempla cinco actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia. Este ano porase en marcha unha nova actuación para completar a cobertura en 11.000 núcleos de zonas rurais.