O Plan de Banda Larga da Xunta e R facilitan o acceso a redes de fibra óptica con velocidades de 200 megas
O operador galego xa comezou a comercialización na Comunidade de accesos ultrarrápidos de 200 megas de baixada e 10 megas de suba, dentro do compromiso adquirido no marco deste Plan
As novas velocidades permitirán conectar diversos dispositivos simultaneamente cunha calidade e capacidade de descarga óptimas
Máis dun millón de galegos teñen acceso a redes de fibra óptica de 100 Mbps grazas a R e ao Plan de Banda Larga da Xunta
O operador galego R xa comezou a comercialización na Comunidade de accesos ultrarrápidos de 200 megas de baixada e 10 megas de suba, dentro dos compromisos adquiridos na extensión de redes de Nova Xeración que R está a desenvolver no marco do Plan de Banda Larga da Xunta.
Esta liña do Plan, que conta cun investimento total de máis de 129 millóns de euros dos que a Xunta achega o 20%, xa posibilitou que máis dun millón de galegos teñan acceso á redes de fibra óptica de 100 Mbps Agora, e dentro do compromiso adquirido polo operador no marco do Plan de Banda Larga en canto á evolución dos seus servizos, R ofrece velocidades de 200 megas de baixada e 10 de suba, cun caudal garantido do 80%.
Ata a data, os máis de 900.000 fogares e empresas (practicamente o 100 %) conectados á rede do operador galego tiñan xa a posibilidade de dispoñer de accesos ultrarrápidos de 100 megas de baixada e 10 de suba.
A comercialización dos 200 megas farase progresiva e gradualmente en todas as zonas cubertas pola rede de R no que queda de 2013 e tamén ao longo de 2014 para que tanto os clientes do operador galego como as novas altas poidan dispoñer destes accesos ultrarrápidos. Durante este tempo pódese consultar en www.mundo-r.com en que enderezos de Galicia xa hai cobertura de 200 megas.
Máis velocidade, máis vantaxes
Con 200 megas de velocidade ábrense novos vieiros de aproveitamento tecnolóxico tanto para as empresas coma para os fogares. Con este acceso ultrarrápido poderanse conectar na casa ou na empresa múltiples dispositivos á vez sen minguar a calidade nin a capacidade da conexión. Deste xeito, conectar por cable o ordenador (previa preparación do equipo) ou un televisor ‘intelixente’ cunha conexión de 200 megas mudará por completo a maneira de entender o uso destes dispositivos e de como desfrutar deles. Así, a capacidade da rede non se resentirá nin vendo streamings de alta calidade, nin descargando pesados contidos multimedia, nin desenvolvendo longas videoconferencias.
Estas redes serán chave no desenvolvemento pleno do ‘fogar dixital’ e no aproveitamento das vantaxes do cloud computing ou o teletraballo, novas realidades que cobran cada vez máis protagonismo. Para as empresas galegas o acceso a redes de 200 megas de conexión ofrécelles a posibilidade de seren máis competitivas, impulsando o crecemento económico e a innovación.
O Plan de Banda Larga e máis R cumpren obxectivos con case medio ano de adianto
Poñendo o foco no marco do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, onde R está a despregar redes de nova xeración en 193 núcleos de máis de 500 habitantes, o obxectivo cumpriuse cinco meses antes do previsto. Sen contar coa poboación das sete grandes cidades galegas e tendo en conta só eses núcleos máis pequenos, o obxectivo de que 575.000 habitantes puidesen desfrutar destes servizos avanzados a peche de 2013 está superado e xa son máis de 600.000 (de 178 núcleos) os quen poden facelo.
Todas estas zonas contan cun acceso á rede dun mínimo de 100 megas de baixada e 10 de suba e cun caudal garantido do 80%. A chegada dos 200 megas, compromiso incluído tamén no Plan de Banda Larga, supoñen arestora un paso máis deste proxecto global para dotar a Galicia dos mellores servizos de telecomunicacións no maior número de localidades, mesmo nas máis pequenas e de difícil acceso.