O Plan de Banda Larga da Xunta e R acadan, con case medio ano de adianto, o obxectivo de facilitar o acceso á redes de fibra óptica de 100 megas a máis de un millón de galegos

Sábado 14 de Setembro de 2013

O Plan de Banda Larga da Xunta e R acadan, con case medio ano de adianto, o obxectivo de facilitar o acceso á redes de fibra óptica de 100 megas a máis de un millón de galegos

A día de hoxe, estas avanzadísimas redes son a base de novos servizos como o fogar dixital, a televisión Interactiva e de alta definición, o ‘cloud computing’ ou o teletraballo

En total, serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos

Galicia, unha das primeiras comunidades de Europa en incentivar a implantación de redes de nova xeración (NGAs), cumprirá, así mesmo, con máis de dous anos de adianto, o obxectivo para 2015 da Axenda Dixital Española

Máis de un millón de galegos teñen acceso ás redes de fibra óptica de 100 Mbps grazas a R e ao Plan de Banda Larga da Xunta. A extensión destas redes de Nova Xeración (NGAs) en núcleos de máis de 500 habitantes, fóra das grandes cidades, é unha das liñas do Plan, que está a desenvolver a Administración autonómica en colaboración co operador galego R e que conta cun investimento total de máis de 129 millóns de euros dos que a Xunta achega o 20%.

Estas redes de fibra óptica, as máis avanzadas do mercado neste momento, son a base do acceso a novos servizos como o fogar dixital, o ‘cloud computing’ ou o teletraballo. Trátase, en suma, das infraestruturas que soportarán o mundo dixital dos próximos anos e condición indispensable para poder competir nun mundo globalizado.

Medio ano antes do previsto en Galicia e dous anos antes en Europa

A día de hoxe, grazas a esta colaboración entre R e a Xunta xa hai en Galicia máis dun millón de habitantes preparados para disfrutar destes servizos avanzados de telecomunicacións. Desta maneira dispoñen de acceso a redes de nova xeración coa calidade da fibra óptica de R o 90,7% dos núcleos programados no Plan, un total de 175 núcleos de máis de 500 habitantes dos 193 previstos na parte do PDBL que lle atinxe ao operador galego.

Sen contar coa poboación das sete grandes cidades galegas (onde xa máis de setecentas mil persoas teñen acceso ás novas redes), o obxectivo marcado de que outras 575.000 puidesen desfrutar destes servizos avanzados a peche de 2013 vén de superarse cinco meses antes do previsto no Plan de Banda Larga.

Tendo en conta os 27 núcleos aos que se lles deu acceso en 2010, os 77 de 2011, os 47 de 2012 e os 24 que se levan activados no que vai de ano, nestes momentos outros 594.721 habitantes de Galicia, de preto de 390.000 fogares e empresas, poden acceder ás vantaxes das redes de nova xeración por vez primeira.

Todos estes núcleos contan, desta maneira, cun acceso á rede dun mínimo de 100 megas de baixada e 10 megas de suba e cun caudal garantido do 80%. E seguindo o previsto, R continuará a despregar a súa rede de fibra óptica para lles achegar aos habitantes da comunidade servizos de 200 megas ao longo tamén de 2013.

Así mesmo hai que ter en conta que Galicia é unha das primeiras comunidades da Unión Europea que está a subvencionar a implantación de redes de nova xeración, as máis punteiras do mercado, e seguindo o camiño descrito, a finais de 2013 a metade da poboación galega (1,4 millóns de persoas) disporá xa de acceso a redes de fibra óptica de 100Mbps, cumprindo con dous anos de adianto o obxectivo para 2015 da Axenda Dixital para España.

En total, serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.

Novos servizos avanzados

Os accesos de 100 megas van formar parte da nosa vida cotiá de xeito progresivo e permitirannos, por exemplo, contactar con persoas próximas do noso contorno ou con profesionais da Sanidade e doutros eidos da administración simplemente acendendo a nosa tele e premendo unha canle determinada. Ademais da televisión interactiva, o fogar dixital, os servizos na nube ou o teletraballo figuran tamén na listaxe destes novos servizos vinculados ás redes de nova xeración.

Do mesmo xeito, os novos servizos dixitais están a abrir vieiros de futuro a empresas galegas desenvolvedoras de servizos avanzados de telecomunicacións, o que apunta unha vez máis ao sector nas novas tecnoloxías e á innovación coma un dos puntais da xeración de emprego en Galicia.

R

Entre os anos 1999 e 2010 R desenvolveu un proxecto de construción dunha nova rede de telecomunicacións por fibra óptica cun investimento duns 800 millóns de euros e cunha cobertura total de máis de 800.000 fogares e empresas. Arestora, a extensión de redes de alta velocidade de R xa é unha das actuacións máis importantes do Plan de Banda Larga 2010-2013 (aprobada o 16 de setembro de 2010 no Consello da Xunta). O apoio da administración autonómica a R reforza o obxectivo de situar a Galicia á vangarda das telecomunicacións para competir en Europa e no resto do mundo despregando na comunidade estas redes de inxentes posibilidades e que serán a base de servizos diferenciais e elementos imprescindibles para o desenvolvemento empresarial e a xeración de emprego en Galicia.