O Plan de Banda Larga da Xunta e o operador R facilítanlle este ano o acceso a redes de ata 350Mbps a 4 polígonos da provincia de Ourense

Venres 31 de Marzo de 2017

O Plan de Banda Larga da Xunta e o operador R facilítanlle este ano o acceso a redes de ata 350Mbps a 4 polígonos da provincia de Ourense

O Plan, impulsado pola Amtega, xa activou este servizo noutras 3 superficies empresariais da provincia en 2016 e chegará a outras 4 en 2018
Ademais, como complemento a esta actuación, a Xunta abriu unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a 4 polígonos da provincia de Ourense. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a delegada da Xunta en Ourense, María Sol Díaz.

As actuacións do Plan comezaron en 2016 e xa hai 3 polígonos da provincia que dispoñen deste servizo, que se estenderá a outros 4 en 2018.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Prazos e orzamento

En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos en toda Galicia. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para empresas das zonas máis illadas

Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industriais e en zonas illadas a Amtega vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 20 de abril. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Plan de Banda Larga de Galicia 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Listado de Polígonos da Provincia xa cubertos e previstos en 2017

 

CONCELLO

POLÍGONO

DATA COBERTURA

BARCO DE VALDEORRAS (O)

PARQUE EMPRESARIAL DE O BARCO DE VALDEORRAS

Cuberto actualmente

CARBALLEDA DE VALDEORRAS

POLÍGONO INDUSTRIAL DE A MÉDUA

Cuberto actualmente

VERIN

PARQUE EMPRESARIAL DE VERÍN – PAZOS

Cuberto actualmente

ALLARIZ

PARQUE EMPRESARIAL DE CHORENTE

Previsto para 2017

ALLARIZ

PARQUE EMPRESARIAL DE CHORENTE (POLÍGONO INDUSTRIAL DE ROIRIZ)

Previsto para 2017

CELANOVA

PARQUE EMPRESARIAL DE CELANOVA

Previsto para 2017

PONTEDEVA

ZONA DE PROMOCIÓN INDUSTRIAL TRADO

Previsto para 2017