O Plan de banda larga da Xunta e o operador R cumprirán este ano o obxectivo de conectar a redes de ata 350 Mbps 11 polígonos industriais da provincia de Ourense
> O plan, impulsado pola Amtega, chegará durante 2018 a 4 superficies ourensás tras activar o servizo noutras 7 entre 2016 e 2017
> Unha vez completado o plan, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps
> Como complemento a esta actuación, a Xunta abriu no ano 2017 unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural
> Ademais, a Amtega acaba de lanzar unha convocatoria de axudas a operadores para estender internet de alta velocidade en núcleos de menos de 150 habitantes
O Plan de banda larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 4 polígonos ourensáns, acadando así un total de 11 superficies empresariais da provincia con redes ultrarrápidas. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e a delegada da Xunta en Ourense, María Sol Díaz.
As actuacións do plan comezaron en agosto de 2016 e ao remate de 2017 había 7 polígonos da provincia con este servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse un total de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e 350Mbps.
350Mbps e servizos R de valor engadido
As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.
E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R
Prazos e orzamento
O plan xa completou o despregamento 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.
A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas para núcleos de poboación do rural
Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega acaba de poñer en marcha a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
O pasado día 15 xaneiro publicouse no DOG unha axudas, cun importe de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista. O prazo de presentación é dun mes a contar dende o día seguinte á publicación no DOG.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Listado de Polígonos de Ourense cubertos e previstos en 2018
|
CONCELLO
|
POLÍGONO
|
DATA COBERTURA
|
|
ALLARIZ
|
PARQUE EMPRESARIAL DE CHORENTE
|
Cuberto
|
|
ALLARIZ
|
PARQUE EMPRESARIAL DE CHORENTE (POLÍGONO INDUSTRIAL DE ROIRIZ) |
Cuberto
|
|
BARCO DE VALDEORRAS (O)
|
PARQUE EMPRESARIAL DE O BARCO DE VALDEORRAS
|
Cuberto
|
|
CARBALLEDA DE VALDEORRAS
|
POLÍGONO INDUSTRIAL DE A MÉDUA
|
Cuberto
|
|
CELANOVA
|
PARQUE EMPRESARIAL DE CELANOVA
|
Cuberto
|
|
RIBADAVIA
|
PARQUE EMPRESARIAL DE RIBADAVIA
|
Cuberto
|
|
VERÍN
|
PARQUE EMPRESARIAL DE VERÍN - PAZOS
|
Cuberto
|
|
PONTEDEVA
|
ZONA DE PROMOCIÓN INDUSTRIAL TRADO
|
Previsto 2018
|
|
VILAMARÍN
|
PARQUE EMPRESARIAL DE VILAMARÍN
|
Previsto 2018
|
|
VILAR DE SANTOS
|
PARQUE EMPRESARIAL SANTA MARTA
|
Previsto 2018
|
|
XINZO DE LIMIA
|
PARQUE EMPRESARIAL DE XINZO DE LIMIA
|
Previsto 2018
|