O Plan de Banda Larga da Xunta e o operador galego R facilitaranlles este ano o acceso a redes de ata 350mbps a 10 polígonos industriais da provincia de A Coruña
O Plan, impulsado pola Amtega, xa activou o servizo noutras 6 superficies da provincia en 2016 e chegará a outras 9 en 2018
Unha vez completado o Plan o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps
Ademais, como complemento a esta actuación, a Xunta abriu unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural
O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a 10 polígonos da provincia de A Coruña. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro.
As actuacións do Plan comezaron en 2016 e xa hai 6 polígonos da provincia que dispoñen deste servizo, que continuará estendéndose a outros 9 en 2018.Unha vez completado o Plan o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.
350Mbps e servizos R de valor engadido
As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.
E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.
Prazos e orzamento
En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos en toda Galicia. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas para empresas das zonas máis illadas
Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industriais e en zonas illadas a Amtega vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Prazos e características da convocatoria
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 20 de abril. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
Listado de Polígonos da Coruña cubertos e previstos en 2017
|
CONCELLO |
POLÍGONO |
DATA COBERTURA |
|
BETANZOS |
PARQUE EMPRESARIAL A PIADELA |
Cuberto en 2016 |
|
MALPICA DE BERGANTIÑOS |
PARQUE EMPRESARIAL DE MALPICA |
Cuberto en 2016 |
|
NARON |
POLÍGONO INDUSTRIAL AS LAGOAS |
Cuberto en 2016 |
|
ORDES |
PARQUE EMPRESARIAL DE ORDES |
Cuberto en 2016 |
|
OROSO |
PARQUE EMPRESARIAL DE SIGÜEIRO E OROSO PEQUEÑO |
Cuberto en 2016 |
|
PADRON |
POLÍGONO INDUSTRIAL DE PICUSA |
Cuberto en 2016 |
|
ARZUA |
PARQUE EMPRESARIAL ARZÚA |
2017 |
|
COIROS |
PARQUE EMPRESARIAL DE COIRÓS |
2017 |
|
LARACHA (A) |
PLAN DE SECTORIZACIÓN CERÁMICAS CAMPO |
2017 |
|
MELIDE |
PARQUE EMPRESARIAL DE A MADANELA |
2017 |
|
POBRA DO CARAMIÑAL (A) |
POLÍGONO INDUSTRIAL A TOMADA |
2017 |
|
PONTES DE GARCIA RODRIGUEZ (AS |
PARQUE EMPRESARIAL DE PENAPURREIRA |
2017 |
|
RIANXO |
PARQUE EMPRESARIAL DE RIANXO |
2017 |
|
SADA |
POLÍGONO INDUSTRIAL ARCO IRIS |
2017 |
|
SANTA COMBA |
PARQUE EMPRESARIAL DE SANTA COMBA |
2017 |
|
VIMIANZO |
PARQUE EMPRESARIAL DE VIMIANZO |
2017 |