O Plan de banda larga da Xunta e o operador galego R facilitaranlles este ano acceso a redes de ata 350 Mbps a 11 polígonos industriais da provincia de Pontevedra
O Plan, impulsado pola Amtega, xa activou o servizo noutras 7 superficies empresariais da provincia en 2016 e chegará a outras 9 en 2018
Unha vez completado o Plan o 95% da superficie empresarial da provincia terá acceso a redes de máis de 100Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Xunta abriu unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural
O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a 11 polígonos da provincia de Pontevedra. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores.
As actuacións do Plan comezaron en 2016 e xa hai 7 polígonos da provincia que dispoñen deste servizo, que continuará estendéndose noutros 9 en 2018. Unha vez completado o Plan, o 95% da superficie empresarial da provincia terá acceso a redes de máis de 100Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.
350Mbps e servizos R de valor engadido
As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.
Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.
E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.
Prazos e orzamento
En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos en toda Galicia. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas para empresas das zonas máis illadas
Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industriais e en zonas illadas a Amtega vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Prazos e características da convocatoria
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 20 de abril. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
Listado de Polígonos de Pontevedra cubertos e previstos en 2017
|
CONCELLO |
POLÍGONO |
DATA COBERTURA |
|
CALDAS DE REIS |
POLIGONO INDUSTRIAL ARCOS DA CONDESA |
Cuberto en 2016 |
|
GROVE (O) |
POLÍGONO DE PORTO MELOXO |
Cuberto en 2016 |
|
PONTE CALDELAS |
PARQUE EMPRESARIAL DE A REIGOSA E CENTRAL DE TRANSPORTES E PONTE CALDELAS |
Cuberto en 2016 |
|
PONTEVEDRA |
PARQUE EMPRESARIAL DE O CAMPIÑO |
Cuberto en 2016 |
|
PORRIÑO (O) |
ÁREA DE NEGOCIOS OCEANIS |
Cuberto en 2016 |
|
SILLEDA |
PARQUE EMPRESARIAL DE SILLEDA |
Cuberto en 2016 |
|
VILAGARCIA DE AROUSA |
PARQUE EMPRESARIAL DE O POUSADOIRO |
Cuberto en 2016 |
|
BUEU |
PARQUE EMPRESARIAL BUEU - CASTIÑEIRAS |
2017 |
|
CALDAS DE REIS |
ZONA INDUSTRIAL DE AS VEIGAS DE ALMORZAR |
2017 |
|
CAMBADOS |
P.I. O SALNES |
2017 |
|
CANGAS |
ÁREA INDUSTRIAL A PORTELA |
2017 |
|
ESTRADA (A) |
PARQUE EMPRESARIAL DE A ESTRADA - TOEDO |
2017 |
|
LALIN |
POLÍGONO INDUSTRIAL DE BOTOS |
2017 |
|
PONTEAREAS |
POLÍGONO INDUSTRIAL DE A LOMBA |
2017 |
|
SALVATERRA DE MIÑO |
POLÍGONO INDUSTRIAL CHAN DA PONTE |
2017 |
|
TUI |
PARQUE EMPRESARIAL DE AREAS |
2017 |
|
VILA DE CRUCES |
POLÍGONO INDUSTRIAL O CAMBALLÓN |
2017 |
|
VILANOVA DE AROUSA |
PARQUE EMPRESARIAL DE VILANOVA DE AROUSA I (AREA LOXÍSTICA DE BAIÓN - RÍA DE AROUSA) |
2017 |