O Plan de Banda Larga da Xunta dota de conexión a internet de altas prestacións ao IES Chan do Monte de Marín
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica vén de completar a implantación de redes de nova xeración con velocidades de 40 neste centro educativo
Con estas redes ultrarrápidas permitirán aos máis de 600 alumnos do Chan do Monte en un acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos na rede e o acceso simultáneo de máis usuarios
Con este son xa 217 os centros educativos da Comunidade que dispoñen de conexións ultrarrápidas, 55 deles na provincia de Pontevedra
Esta actuación intégrase no Plan de Banda Laga que está a despregar infraestruturas de telecomunicación para que tanto os centros administrativos como os cidadáns poidan acceder a un servizo de Internet de calidade
O Instituto de Ensino Secundario Chan do Monte de Marín conta desde hoxe con conexión a Internet de 40 Mbps de velocidade. Con este centro a provincia de Pontevedra conta xa con 55 dos 217 centros educativos aos que xa se lles facilitou o acceso a esta tecnoloxía no último ano, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A mellora da conectividade no IES Chan do Monte de Marín, que estaba prevista nas actuacións do Plan, tivo que aprazarse en varias ocasións, xa os espazos nos que o operador de telecomunicacións tivo que realizar as obras para a canalización da fibra óptica requiriron informes de diferentes departamentos municipais e autonómicos para a súa aprobación.
No centro cursan estudos máis de 600 alumnos, entre eles alumnos de varios ciclos superiores da familia de informática. O centro dispón de mais de 230 ordenadores.
A implantación de redes de altas prestacións (de máis de 30 Mbps) permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada. Deste xeito o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; pode conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.
Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de proxectos como Abalar e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha en 2010 o Plan de Banda Larga, está a posibilitar que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade.
Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps, da que xa se benefician máis de 1 millón de galegos. Un obxectivo que se cumpriu con cinco meses de adianto e que a finais de 2013 alcanzará a metade da poboación galega (1,4 millóns de persoas).
En total, serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.