O Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia achegou internet a máis de 12.300 veciños da comarca do Condado sen cobertura

Luns 04 de Febreiro de 2013

O Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia achegou internet a máis de 12.300 veciños da comarca do Condado sen cobertura

As actuacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia permitiron pasar en dous anos dun 68% a máis dun 97% da poboación da Comarca con posibilidade de conexión á rede

O Roadshow Movistar Galicia, que desde hai varias semanas percorre diversos municipios de toda a comunidade autónoma, chegou hoxe luns a Salvaterra do Miño, onde máis dun 93% da poboación xa ten cobertura a Internet

O Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego, chegou hoxe luns ao Concello de Salvaterra do Miño.

Esta iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Movistar, céntrase nos municipios aos que o teleoperador e o Plan de Banda Larga da Xunta xa posibilitaron a conexión á rede. A aula móbil percorre así durante os vindeiros 4 meses 82 municipios galegos co obxectivo de trasladar as vantaxes de Internet á poboación do rural beneficiada polo Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia.

Así, no caso do Concello de Salvaterra, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis de 3.700 habitantes que carecían de conexión a Internet. Grazas ao Plan, a día de hoxe máis do 93% da poboación do municipio ten acceso á rede. Hai dous anos a cifra roldaba o 54% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.

Na comarca do Condado, na actualidade, preto de 42.000 persoas contan con conexión á rede fronte ás 29.600 que dispoñían deste servizo antes do plan. As actuacións realizadas desde 2010 incrementaron a porcentaxe de poboación con cobertura dun 68% a máis dun 97% a día de hoxe. A previsión é que ao remate do próximo ano esta porcentaxe supere o 98%, cubríndose o resto vía satélite.

A Xunta destaca así a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e de fomentar o uso de Internet, divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas.

O Plan impulsado pola Xunta de Galicia está a cumprir obxectivos reducindo a fenda dixital en Galicia e proporcionando desde a súa posta en marcha en 2010 anos cobertura a máis de 630.000 galegos que carecían de conexión a Internet, o que supón diminuír en máis dun 82% poboación sen cobertura na Comunidade.

As vantaxes de Internet para a vida cotiá
A unidade móbil do Roadshow Movistar Galicia conta con 4 postos con ordenador nos que de forma gratuíta se levarán a cabo diferentes demostracións para que os usuarios experimenten de forma práctica o sinxelo que resulta realizar unha compra online, solicitar unha cita médica, renovar o DNI ou consultar todo tipo de información -prensa, música, ofertas de emprego, partes meteorolóxicos, trámites coa Administración a través da sede electrónica da Xunta etc. -. A aprendizaxe estará supervisada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

Paralelamente, desenvolveranse accións formativas e informativas a pé de rúa, a través de equipos de traballo provistos dunha tablet e conectados á Rede mediante un USB, que explicarán aos veciños de cada localidade as vantaxes de Internet para a vida cotiá.

Tamén, e como antes se apuntaba, como novidade nesta segunda fase está a posibilidade de que asociacións, colexios ou calquera colectivo poida solicitar a visita - mediante cita previa- dun especialista de Telefónica, coincidindo coa estanza do Roadshow na súa localidade, para que os asesore no súa iniciación na Rede. Os contidos destas sesións prácticas estarán adaptados aos diferentes perfís de usuario.

O Plan reduciu en máis dun 82% os galegos sen cobertura na Comunidade
A día de hoxe, grazas ás accións do Plan de Banda Larga son xa máis de 630.000 os galegos que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. Desde mediados de 2010 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegase a máis do 95% de media fronte ao 70% existente en 2009.