O persoal do Servizo Galego de Saúde poderá acceder ao seu borrador da renda 2011 dende a plataforma informática Fides
Os máis de 35.000 profesionais que configuran o cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde, poderán acceder ao seu borrador da Renda 2011 dende a plataforma informática de FIDES (Oficina virtual do profesional).
Así, a través da plataforma FIDES, dende a semana que ven, todos os traballadores do Sergas poderán consultar o seu borrador da Renda, correspondente ao último exercicio fiscal, grazas á integración co CIXTEC (Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable). O acceso habilitarase na plataforma FIDES, na pestana de consultas.
Esta importante mellora, enmarcada nun protocolo de actuación asinado entre a Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral de Tributos, e a Axencia Estatal de Administración Tributaria, beneficiará a todos os profesionais do departamento que dirixe Rocío Mosquera Álvarez, e estará dispoñible para os seguintes exercicios fiscais.
Cómpre sinalar que trátase dun sistema de consulta do borrador do IRPF, e, por tanto, por este sistema non pode realizarse a confirmación ou modificación dos borradores. Así, dita confirmación ou solicitude de modificación farase por vía telemática, a través do portal http://www.agenciatributaria.esou mediante SMS, ou por vía telefónica chamando ao 901 200 345 ou 901 12 12 24.
Por tanto, o feito de anticipar a disponibilidade do borrador permite adiantar tamén a presentación da declaración, confirmando ou modificando o mesmo polas vías antes sinaladas. A esto hai que engadir a vantaxe de que o acceso pode facerse dende calquera terminal e elimina completamente o uso de papel.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia do Executivo galego de simplificar todos os procesos de cumprimento de obrigas tributarias e impulsar o uso das novas tecnoloxías no ámbito da administración pública. Trátase, en definitiva, de acadar unha administración máis eficiente, áxil e moderna.
Publicación das listas de selección temporal
Nesta mesma plataforma FIDES está prevista a primeira publicación de listas de selección temporal, dentro do Expedient-e, onde, por primeira vez, os aspirantes a contratación temporal nas institucións sanitarias poderán coñecer con detalle a súa puntuación, número de orde na lista e aplicación de baremos.
Grazas á plataforma, máis de 70.000 persoas xa dispoñen do seu Expedient-e electrónico, e poden participar en procesos de selección e mobilidade, permitindo a paulatina eliminación do papel, así como a permanente accesibilidade á información do seu curriculum, resultados de procesos e demais datos profesionais.