O Parlamento aproba a primeira Lei de telecomunicacións de Galicia, que garante o seu despregamento como un servizo de primeira magnitude na comunidade

Martes 14 de Maio de 2013

O Parlamento aproba a primeira Lei de telecomunicacións de Galicia, que garante o seu despregamento como un servizo de primeira magnitude na comunidade

Garante o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación, máis anticipación e en base a necesidades reais

Establece as pautas para evitar que se dupliquen os esforzos e os investimentos nas administracións públicas

Determina os criterios a seguir en materia de telecomunicacións nas ordenanzas municipais

Obrigará aos operadores a compartir as súas infraestruturas para o despregamento de redes de telecomunicacións

Esixe a preparación dos novos edificios públicos, dos proxectos de obra pública de estrada e das vivendas de nova construción para albergar infraestruturas da telecomunicación

O Parlamento de Galicia deu hoxe o visto e prace a Lei impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia, que converte ás telecomunicacións nun servizo de primeira magnitude, garantindo o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación e máis anticipación.

Galicia é a primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, unha lei que complementa á normativa estatal e coa que se evitará duplicar esforzos e investimentos nas administracións públicas e se acadará unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados.

Coordinar axentes públicos e privados
A nova lei obrigará aos operadores e as administracións públicas a remitir información sobre os plans de despregamento executados ou previstos. En base a esta información elaborarase o primeiro “Mapa de Infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”, que evitará a superposición de iniciativas aos operadores privados e concellos. Unha iniciativa, pioneira en España, na que se está xa a traballar e que permitirá establecer un plan de despregamento coordinado e en base a necesidades reais.

O mapa de infraestruturas permitirá desenvolver o futuro Plan de ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que establecerá os criterios a seguir nesta materia nas ordenanzas municipais. Así mesmo, obrigará á inclusión das infraestruturas de telecomunicacións nos planeamentos urbanísticos, convertendo aos servizos de teleocmunicación nun servizo máis para todos os galegos, ao igual que o son a auga ou a luz.

Outra medida chave desta lei é o fomento do uso compartido de infraestruturas por parte dos operadores para evitar a extensión desordenada destas e reducir o investimento necesario.

Vivendas, edificios públicos e redes viarias
Ademais, a lei garante que toda vivenda que se constrúa contará coas infraestruturas mínimas para a incorporación dos servizos do Fogar Dixital. Esta medida facilitará a introdución nos fogares galegos de novos servizos socio - sanitarios, unha mellor eficiencia enerxética, unha maior seguridade, servizos de teleasistencia, etc. o que levará consigo unha mellora na calidade de vida do cidadán e un achegamento aos servizos públicos. Do mesmo xeito que suporá un importante impulso ao sector tecnolóxico de Galicia (instaladores, fabricantes...).

No caso dos edificios públicos a norma contempla a previsión das infraestruturas necesarias para garantir o aproveitamento das TIC na prestación de servizos públicos, reducindo o custo que suporía implantalas unha vez concluído o edificio.

En canto ás novas infraestruturas viarias, está en tramitación o decreto que obrigará a que todas as novas estradas e vías de alta capacidade autonómicas incorporen as canalizacións precisas para instalar redes de telecomunicacións, evitando o gasto que suporía a implantación una vez rematada a obra e que se usarán para interconectar Galicia a redes de moi alta capacidade, favorecendo así á vertebración territorial.

Rede de Emerxencias e Medio Ambiente
A importancia de asegurar o máximo respecto nos ámbitos protexidos verase reflectida co establecemento de normas de protección ambiental e cultural que permitan levar a cabo despregamentos en zonas protexidas (patrimonio,…) garantindo o máximo respecto ao entorno.

Establécese a obriga de que a Rede Dixital de Seguridade e Emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte a situación actual.

Por último, a Lei contempla a creación dun Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia, coa conseguinte desaparición do actual Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que se configurará como un órgano de estudo, asesoramento e apoio ao Goberno da Xunta de Galicia na definición e execución das políticas de telecomunicacións.

Establécese a obriga de que a Rede Dixital de Seguridade e Emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte a situación actual.