O OSIMGA realizará informes específicos sobre como inflúe a presenza de xóvenes no fogar no uso das TIC e sobre a situación laboral da muller tecnóloga nas administracións públicas

Domingo 21 de Abril de 2013

O OSIMGA realizará informes específicos sobre como inflúe a presenza de xóvenes no fogar no uso das TIC e sobre a situación laboral da muller tecnóloga nas administracións públicas

O acordo co Instituto Galego de Estatística (IGE) para optimizar a recollida de información dos datos relativos á Sociedade da Información nos fogares galegos permitirá un aforro de máis de 50.000 euros anuais

O Observatorio incorpora á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e ás organizacións sindicais como membros do seu Pleno

Durante este ano elaborará 20 informes sobre diferentes aspectos da evolución da Sociedade da Información en Galicia

En 3 de cada 4 fogares galegos onde reside un rapaz en idade escolar se usan as TIC, superando en máis de 20 puntos as porcentaxes que se rexistran en fogares sen nenos. Este dato, recollido no último Informe sobre a Sociedade da Información en Galicia 2012, pon de manifesto que a presenza de mozos nos fogares inflúe de xeito positivo na penetración da tecnoloxía. Por iso, un dos estudos específicos que realizará o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) este ano se centrará en analizar este aspecto en profundidade.

Así se lle trasladou aos integrantes do Pleno do Observatorio, celebrado esta semana en Santiago na sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organismo do que depende. O Pleno, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira, acolleu a presentación do balance anual de xestión do Observatorio xunto co seu Plan de Traballo para o ano 2013, que establece a realización dun total de 20 informes e estudos sobre os diferentes indicadores da evolución da sociedade da información en Galicia.

Ademais, nesa reunión, o OSIMGA incorporou, por primeira vez, como membros do Pleno á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e ás organizacións sindicais, executando así os acordos asinados na Mesa Xeral de Diálogo Social en Galicia.

Outra importante novidade que se presentou no Pleno é a liña de colaboración que o OSIMGA estableceu co Instituto Galego de Estatística (IGE) para optimizar a recollida dos datos relativos á Sociedade da Información nos fogares e nas empresas de Galicia, e que frutificou coa sinatura, en outubro de 2012, dun convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades.

Aforro de 50.000 euros anuais
Esta colaboración permitirá a inclusión anualmente dun conxunto de indicadores relativos á Sociedade da Información nos fogares galegos na “Enquisa de condicións de vida das familias” que realiza o IGE, o que evitará duplicidades, suporá un aumento de mostra de máis de 7.000 enquisas a fogares respecto ao numero de enquisas que facía o OSIMGA e un aforro económico de máis de 50.000 euro anuais.

O convenio tamén contempla a obtención, a través do IGE, de datos das empresas multilocalizadas, é dicir, empresas con sede fóra de Galicia pero que desenvolven parte da súa actividade na nosa Comunidade

Plan de Traballo do OSIMGA para o ano 2013
No Pleno presentouse o Plan de traballo do OSIMGA para o ano 2013 que define a senda dos proxectos e actuacións a desenvolver polo Observatorio para avaliar o nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e á aplicación do modelo de eGoberno nas Administracións Públicas galegas, servindo de elemento para a definición de políticas públicas nesta materia.

O Plan de Traballo do OSIMGA continuará desenvolvendo as liñas estratéxicas marcadas nos anos anteriores no contexto da Axenda Dixital 2014.gal. Segundo este documento, no ano 2013 elaboraranse novas edicións dos Diagnósticos sobre a Sociedade da información en Galicia en diferentes ámbitos de observación, a partir de datos facilitados polo IGE ou de enquisas propias, e desenvolveranse novas vagas de estatísticas sobre a administración electrónica na Xunta de Galicia e nos Concellos de Galicia.

Como novidade, a “Enquisa ás Empresas TIC” que realiza o OSIMGA está incluída, por primeira vez, no Programa Estatístico Anual 2013, o que permitirá certificar que este estudo se realiza conforme aos máximos criterios de rigor estatísticos.

No marco do IV Plan Galego de Estatística 2012-2016, publicarase en 2013 unha nova edición actualizada do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, que ofrece unha perspectiva da evolución das TICs en Galicia nos catro últimos anos.

Cinco novos estudos
No capítulo de observacións temáticas planificadas para o ano 2013, destaca a realización de cinco novos estudos. Así, elaboraranse dous informes específicos para afondar nas causas e no comportamento da fenda dixital en Galicia: “Incidencia no uso das TIC da presenza de xóvenes no fogar” e “Usos e actitudes no emprego das tecnoloxías desde unha perspectiva de xénero”

Ademais, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, elaborarase un primeiro estudo sobre a “Responsabilidade Social Corporativa” e, no marco do convenio asinado co CPEIG, realizarase un estudo sobre a Situación laboral das Enxeñarías Informáticas en Galicia.

No marco de colaboración coa Unidade de Muller e Ciencia, abordarase un novo caderno sobre a Situación laboral da muller tecnóloga pero, desta vez, no ámbito das Administracións Públicas.