O operador público Retegal renova a súa páxina web

Domingo 27 de Febreiro de 2011

O operador público Retegal renova a súa páxina web

O portal facilita un acceso aos servizos e contidos máis doado para os usuarios

O operador público Retegal estrea nova web proporcionando un acceso aos seus contidos máis doado para os usuarios. O portal de Retegal expón todos os servizos que presta o operador público á sociedade galega e a outros operadores de comunicacións: dende a difusión de sinais de TDT ata a participación no Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, pasando por servizos de mantemento de equipamento de telecomunicacións ou transmisión de datos a alta velocidade.

Ademais, nesta web pódese atopar a ubicación dos case 200 centros de telecomunicacións que xestiona Retegal, xunto cunha pequena galería fotográfica destes centros.

Accesibilidade
A renovación do portal de Retegal enmárcase no proceso de modernización e adaptación do operador público de telecomunicacións galegas ao seu rol de operador neutro de servizos. Retegal é una ferramenta imprescindible no actual contexto tecnolóxico que está a  posibilitar situar á Comunidade nun posto referente en canto ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

Fitos
No último ano Retegal impulsou dous dos fitos tecnolóxicos máis importantes da Comunidade, o apagamento analóxico e o Plan de Banda Larga. O operador público participou na planificación, coordinación técnica e despregamento da migración Televisión Dixital Terrestre (TDT).  No caso da extensión da Banda Larga, Retegal realizou en 2010 un forte despregamento de rede para facilitar a infraestrutura precisa que permita levar a banda larga a aquelas localizacións que ata o de agora carecían dela.

Retegal
Retegal é a empresa pública da Xunta de Galicia para a prestación de servizos de telecomunicacións na Comunidade Autónoma. Xestiona e explota infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.  Pola súa propia natureza, a súa actividade oriéntase á prestación de servizos con carácter universal. Posúe a rede de radiodifusión máis ampla de toda a Comunidade Autónoma, tanto en infraestruturas de transporte como de difusión. Posúe ademais un capital humano altamente cualificado e experimentado. Na súa maior parte, aportan unha experiencia de máis de 20 anos na xestión e explotación de redes e servizos de telecomunicación.