O operador público Retegal participa no proxecto GREEN para mellorar a eficiencia enerxética dos servizos de telecomunicacións

Martes 18 de Decembro de 2012

O operador público Retegal participa no proxecto GREEN para mellorar a eficiencia enerxética dos servizos de telecomunicacións

O obxectivo xeral desta iniciativa é conseguir que a rede dun operador de telecomunicacións sexa moito máis eficiente, reducindo o consumo enerxético dos equipos empregados e optimizando o uso do espectro radioeléctrico

GREEN está a ser desenvolvido por Itelsis, líder do proxecto, Retegal, GOWEX, GST e GRADIANT

O proxecto, que ten unha duración de 3 anos, supón un investimento próximo aos 2 millóns de euros e foi financiado polo programa FEDER Innterconecta

O operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é unha das catro empresas que participa no proxecto GREEN, que ten como obxectivo conseguir que a rede dun operador de telecomunicacións sexa moito máis eficiente, reducindo o consumo enerxético dos equipos empregados e optimizando o uso do espectro radioeléctrico, conseguindo así un importante aforro de custos na prestación de servizos do operador.

No proxecto Green, ademais de Retegal participan Itelsis, líder do proxecto e referente nacional no deseño de equipamento de Telecomunicacións, GOWEX, compañía especializada na creación de Cidades WiFi intelixentes e GST, compañía especializada en instalacións de Telecomunicacións e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia GRADIANT. O proxecto, que ten unha duración de 3 anos, supón un investimento próximo aos 2 millóns de euros e foi financiado con fondos do programa FEDER-INNTERCONECTA, iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e apoiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

Punto de partida do Proxecto GREEN
Durante os últimos anos, os servizos baseados en comunicacións inarámicas (VoIP, videollamadas, redes sociais...) experimentaron un crecemento acusado, tanto en volume de datos coma no ancho de banda necesario. Do mesmo modo, a tendencia actual de incremento de demanda enerxética a nivel mundial e o conseguinte incremento do prezo da factura eléctrica, contribuíu a que todos os aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética adquiran unha gran relevancia.

Neste sentido, o proxecto GREEN xorde debido á necesidade de optimización dos recursos cos que conta un operador de telecomunicacións, que dispón de activos para o desenvolvemento da súa actividade como as infraestruturas distribuídas, o equipamento co que se transmite os sinais e o espectro radioeléctrico que se precisa para a propagación destas.

Primeiro mapa de claro espectrais en Galicia
Tanto en telefonía móbil coma en difusión de televisión, o cambio das transmisións analóxicas ás dixitais, que en teoría permitiría un mellor aproveitamento do espectro e un menor consumo enerxético por canle de comunicación, na práctica traduciuse nun incremento no número de servizos dispoñibles.

O proxecto GREEN enfócase á busca de solucións que permitan reducir o consumo enerxético que un operador de telecomunicacións necesita para ofrecer unha determinada capacidade de datos aos usuarios. Así mesmo, pretende garantir un bo uso do espectro, identificando aquelas zonas con porcións de espectro reaproveitables, cunha demanda de enerxía o mellor axustada ás necesidades posible.

Entre as liñas de actuación de Green está a obtención do primeiro mapa de claros espectrais en Galicia, co obxectivo de coñecer a ocupación efectiva do espectro na Comunidade galega. No seu conxunto, os resultados alcanzados durante este proxecto poderán ser aplicados tanto na rede de telecomunicacións de Retegal, con máis de 200 centros de emisión, como na rede de puntos WiFi despregada por GOWEX en Galicia.