O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) realiza unha enquisa para coñecer a situación da administración electrónica nos concellos galegos

Xoves 14 de Xaneiro de 2010

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) realiza unha enquisa para coñecer a situación da administración electrónica nos concellos galegos

A sondaxe avalía a dispoñibilidade de servizos electrónicos, equipamentos, aplicacións, programas informáticos así como as actuacións e melloras previstas

O traballo de campo desta enquisa será realizado enmárcase dentro do Plan eConcellos para impulsar a implantación da eadministración

A nova enquisa inclúe os indicadores específicos sobre o uso do software libre e o despregamento da banda larga nos concellos de Galicia

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, inicia a recollida de datos das novas enquisas sobre a administración electrónica nos concellos de Galicia correspondentes ao ano 2010. Este traballo de campo, será realizado en estreita colaboración coa Oficina Técnica eConcellos, dentro do marco estratéxico da Axenda Dixital 2014.gal.

Situación da eadministración a nivel municipal

Cos datos recollidos na enquisa o OSIMGA elaborará un Mapa da administración electrónica nos concellos de Galicia, un novo estudo que permitirá valorar a situación actual da administración electrónica realizando un seguimento máis profundo e unha diagnose máis detallada da evolución da Administración electrónica dos concellos galegos e das actuación e melloras necesarias para a súa modernización.

O estudo analizará a situación e grao de desenvolvemento da administración electrónica local, desagregando os datos segundo o número de habitantes e atendendo de maneira específica á necesidade de avaliar a implantación das actuacións e elementos nomeados na Lei 11/2007, do 22 de Xuño, de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos.

A sondaxe está enmarcada no Plan eConcellos, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas deputacións, os concellos e a Fegamp, para impulsar e coordinar as actuacións das administracións públicas galegas na oferta de servizos electrónicos aos cidadáns e organizacións da Comunidade.

Indicadores e metodoloxía

Por vez primeira o Observatorio realiza a enquisa unicamente a través de Internet. Os concellos disporán dunha plataforma habilitada a través do portal de Eido local para cubrir os cuestionarios. Esta enquisa electrónica consta de tres módulos: Servizos electrónicos; Equipamentos, aplicacións e programas informáticos e Actuacións e Melloras.

A enquisa inclúe, entre outros, indicadores estatísticos relativos á dispoñibilidade de equipamento informático e de comunicacións, uso de aplicacións e plataformas da eAdministración e certificados dixitais. O estudo tamén proporciona información sobre os procedementos e trámites proporcionados polos concellos a través de Internet e as canles de comunicación para facilitar a participación dos cidadáns a través de medios electrónicos. Esta enquisa inclúe, ademais, indicadores específicos sobre o uso do software libre e o despregamento da banda larga nos concellos de Galicia.

Funcións do Observatorio

O OSIMGA aborda esta observación dentro das súas competencias de desenvolver estudos e análises de datos que permitan coñecer cunha visión global o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os posibles problemas que afecten a extensión da sociedade da información en Galicia e á aplicación do modelo de eGoberno nas administracións públicas galegas.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org