O novo programa on line BIC 3t de Economía e Industria mellora a formación dos empresarios na transferencia da tecnoloxía aos seus proxectos
A iniciativa BIC 3T introducirá aos participantes nas estratexias de marqueting e comercialización dos resultados de investigación e na xestión destes procesos
O programa, posto en marcha a través de BIC Galicia, inclúe catro cursos que se impartirán con seminarios on line gratuítos
A Consellería de Economía e Industria impulsa o novo programa BIC 3T (Technology Transfer Training), unha iniciativa de formación pioneira e especialmente orientada a emprendedores galegos de base científico-tecnolóxica, responsables de desenvolvemento de negocio, responsables e técnicos de transferencia de tecnoloxía e investigadores.
Os catro cursos dos que se compón este novo programa serán impartidos en inglés, mediante seminarios online gratuítos (webinars), por profesionais de recoñecido prestixio tanto a nivel nacional como internacional, e con ampla experiencia no eido da transferencia tecnolóxica. Durante este programa formativo abordaranse asuntos como o “screening” do potencial comercial das tecnoloxías, a definición dunha estratexia proactiva de marqueting para a tecnoloxía da empresa ou como converter as redes sociais nunha ferramenta de marqueting.
O primeiro destes cursos on line comezará o próximo 3 de maio e servirá para achegar unha metodoloxía de “filtrado” das tecnoloxías desenvolvidas dende o punto de vista do seu potencial de transferencia ao mercado, a fin de centrar os recursos de marqueting e comerciais naquelas de maior potencial.
No segundo curso, previsto para o 30 de maio, presentaranse as chaves para o deseño dun plan de marqueting tecnolóxico eficaz. O 27 de xuño haberá outra sesión na que se mostrarán os métodos para chegar de xeito eficiente e efectivo aos clientes potenciais, e no derradeiro curso, que terá lugar o 11 e xullo, presentarse un caso de éxito de desenvolvemento dunha campaña de marqueting tecnolóxico que combinou, de forma proactiva, medios sociais e medios tradicionais.
Entre os expertos participantes estarán Laura Schoppe, Presidenta de Fuentek e Vicepresidenta para Alianzas Estratéxicas da Association of University Technology Managers (AUTM) dos Estados Unidos, e Carlos Álvarez, Socio Director de Knowledge Investors, consultora especializada en transferencia de tecnoloxía.Toda a información sobre este programa está dispoñible na web: http://bic3T.bicgalicia.es/ Máis información: BIC GALICIA: bic3T@bicgalicia.esTelf.: 981 546 823.