O novo portal da Xunta facilita as buscas personalizadas e potencia o acceso aos servizos dixitais

Luns 12 de Setembro de 2016

O novo portal da Xunta facilita as buscas personalizadas e potencia o acceso aos servizos dixitais

O buscador da portada cobra protagonismo en xunta.gal e increméntase a visibilidade dos servizos dixitais dispoñibles para cidadáns e empresas

Entre as novidades está o apartado “Que necesitas”, que permite seleccionar información de interese por “feitos vitais” en base a situacións persoais, laborais...

A web autonómica adáptase ao seu uso desde dispositivos móbiles, desde os que xa se realizan máis do 30% das visitas

Xunta.gal ten unha media mensual de medio millón de vistas e é porta de entrada a un catálogo de 238 sitios web da Administración autonómica

A Xunta de Galicia publica hoxe o novo portal corporativo, cun deseño máis actual, que busca incrementar a acesibilidade e a usabilidade. O novo deseño mellora as buscas e a navegación, potencia o acceso aos servizos dixitais e o contido visual.

O redeseño de xunta.gal outórgalle maior protagonismo ao buscador na portada, acorde coas tendencias actuais e como xa se fixo noutros portais da administración autonómica, cunha boa acollida por parte dos usuarios, que incrementaron o número de buscas.

A renovación da web incorpora un deseño “responsive”, adaptado para o seu uso desde dispositivos móbiles, xa sexan teléfonos ou tabletas. Esta é unha mellora notable, pois nos últimos meses o acceso ao portal da Xunta desde este tipo de dispositivos está roldando e mesmo superando o 30% do total das visitas.

Garántese así un acceso máis universal aos contidos desde calquera tipo de dispositivo, acorde co impulso dos servizos web en mobilidade e a adaptación das webs a esta demanda para proporcionar unha navegación máis accesible, cómoda e satisfactoria para os usuarios.

Nova estrutura de eServizos

O incremento dos servizos dixitais levou á reestruturación do espazo eServizos para facilitar o acceso ao catálogo de servizos online que a Xunta ofrece a cidadáns e empresas. eServizos dá agora maior protagonismo aos contidos máis relevantes e destaca os últimos ou de maior actualidade. Este é o caso da información sobre o sistema de identificación Chave365 para tramitar online sen certificados dixitais. En eServizos os cidadáns atopan facilmente toda a información sobre como solicitalo ou como localizar nun mapa as oficinas que realizan as funcións de rexistro de novos usuarios.

Buscas en base “feitos vitais”

As dinámicas de busca tamén se modifican e o novo portal as simplifica e ofrece a posibilidade de realizalas de forma personalizada. Así, o espazo “Temas”, ademais de contido actualizado para todas as temáticas e colectivos na sección “Para ti”, engade a posibilidade de seleccionar a información de interese por “feitos vitais” desde o apartado “Que necesitas?”. Deste xeito, os usuarios poderán buscar información sobre recursos, servizos ou trámites a situacións e necesidades persoais, laborais...

Xunta.gal, a porta de entrada na rede á Administración autonómica

Xunta.gal, cunha media de medio millón de visitas mensuais, e é a porta de entrada a Administración autonómica na rede. Actualmente, a Xunta ofrece un catálogo de 238 sitios web e 266 canles en redes sociais, que contan con máis de 890.000 seguidores.

O reforzo da presenza da Administración autonómica en Internet forma parte da estratexia da transformación dixital que vén desenvolvendo a Xunta a través do Plan de Administración e Goberno Dixital, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia (Amtega). Esta liña de actuación plasmouse na reorganización, simplificación e renovación da rede e portais corporativos baixo uns criterios de homoxeneidade e no impulso da presenza en redes sociais.

Migración a .gal

Tras apoiar institucional e financeiramente a consecución do dominio .gal a Xunta comprometeuse a incorporalo como dominio de referencia coa aprobación en maio de 2015 o Decreto que regula a organización da presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A día de hoxe o correo corporativo e preto do 50% dos portais autonómicos xa incorporaron o “.gal” e continúase avanzando para ter completado este proceso en 2017.