O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta colaboran para impulsar o uso das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural en Galicia

Martes 01 de Maio de 2012

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta colaboran para impulsar o uso das TIC no sector hoteleiro e de turismo rural en Galicia

A iniciativa "Aloxamentos conectados", que conta cun investimento estatal de 730.000 euros, fomentará a presenza en Internet e a utilización de aplicacións informáticas para a xestión da estanza turística

O programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Co programa "Aloxamentos conectados", posto en marcha polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es, e en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, as pemes hoteleiras e os aloxamentos de turismo rural da Comunidade Autónoma poden beneficiarse de solucións tecnolóxicas para mellorar o seu negocio.

As axudas, por un importe total de 732.511 euros, están enfocadas a áreas fundamentais da cadea de valor do sector turístico como as reservas, a xestión da estanza, a mercadotecnia e a atención postvenda, ademais de servizos para potenciar a actividade dos seus negocios en Internet.

A convocatoria das subvencións (publicada en www.alojamientosconectados.es) está dirixida a autónomos, micropemes e pemes de ata un máximo de 49 empregados, dentro do sector hoteleiro e de aloxamentos de turismo rural. En concreto, ofertaranse aos beneficiarios tres tipos de solucións e servizos tecnolóxicos:

Solución de Xestión da Propiedade (PMS), que permita axilizar a operativa dun establecemento hoteleiro ou dun aloxamento rural, inclúe equipamento, instalación da solución e servizos asociados.
Servizos para mellorar a web a través da realización de contidos audiovisuais ou dunha auditoría en usabilidade, posicionamento e estrutura da información.
Servizos de mercadotecnia online coa elaboración dun plan estratéxico, a mellora da xestión de clientes, a adecuación das bases de datos á normativa vixente ou a reputación online da marca, entre outros.

Outras actuacións do Programa
Ademais da oferta de solucións e servizos tecnolóxicos, o programa complétase coa realización de talleres de capacitación e coa posta en marcha dun portal de apoio.

Talleres de capacitación
Desenvolveranse 45 sesións de carácter eminentemente práctico no conxunto de Comunidades Autónomas ás que vai dirixido o programa. Neles, espérase que asistan máis de 900 autónomos e pemes do sector hoteleiro e de turismo rural.

O seu principal obxectivo é ofrecer ás empresas as claves para a utilización das distintas canles de distribución a través de Internet, tanto de promoción coma de comercialización. Ademais, nos talleres, realizaranse sesións prácticas impartidas polas principais canles de busca e reserva a través de Internet (directorios e centrais de reserva) que foron seleccionados mediante un procedemento de convite público e, que, adicionalmente, colaborarán nas actuacións do programa.

Creación dun portal de apoio
A iniciativa considera a dinamización dun espazo web (www.alojamientosconectados.es) cuxo obxectivo é ofrecer información ao sector. No mencionado portal, os empresarios poderán encontrar información sobre o programa, axudas e talleres, informes, sobre o sector, manuais formativos e exemplos de boas prácticas enfocadas ao sector hoteleiro e de turismo rural (mercadotecnia dixital, redes sociais, fidelización de clientes, posicionamento web e calidade, entre outros temas).

Sobre o programa Aloxamentos conectados
"Aloxamentos conectados" desenvolverase nas once comunidades e nas dúas Cidades Autónomas beneficiarias dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER): Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Canarias, Ceuta, Melilla, Murcia e Navarra.

Esta iniciativa, desenvolvida no marco do programa "Empresas en Rede", que a entidade pública leva a cabo en colaboración cos gobernos autonómicos, conta cun presuposto total de 8,3 millóns de euros, achegados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e cofinanciados ata o 70% con fondos da Unión Europea. Do importe global, 6,8 millóns de euros corresponden á convocatoria de axudas e o resto ás distintas actuacións do programa.

"Aloxamentos conectados" conta coa colaboración da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que traballou conxuntamente con red.es na definición do programa e prestará apoio, na súa difusión entre as empresas obxectivo do mesmo. O programa conta tamén co apoio de Confederación Española de Hoteis e Aloxamentos Turísticos (CEHAT) que representa a 64 asociacións hoteleiras de ámbito local ou provincial repartidas por toda a xeografía española.

Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Este proxecto púidose levar a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais, a través da entidade pública empresarial Red.es, que se encarga de fomentar o desenvolvemento do ámbito produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e a sociedade da información.