O mapa de capacidades tecnolóxicas de Galicia no ámbito sociosanitario pon de manifesto o potencial do sector para desenvolver servizos públicos innovadores e de calidade

Luns 21 de Marzo de 2011

O mapa de capacidades tecnolóxicas de Galicia no ámbito sociosanitario pon de manifesto o potencial do sector para desenvolver servizos públicos innovadores e de calidade

Permite coñecer o punto de partida da Comunidade en canto a capacidades tecnolóxicas para orientar axeitadamente as políticas públicas de pulo ao sector

A coordinación das actuacións da Axenda Dixital e os plans do Sergas e o I2C permitirá desenvolver tecnoloxía innovadora para contar con servizos públicos de maior calidade e impulsar o sector da economía do coñecemento

Identificáronse un total de 162 proxectos desenvolvidos por grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas nun período aproximado de 10 anos

Un 35% dos proxectos corresponde á dixitalización da Historia Clínica e a sistemas de Xestión Sanitaria, aspectos nos que destaca a sanidade pública galega

O esforzo investigador comeza a centrarse na Telemedicina, na Teleasistencia e na Telemonitorización de pacientes, cun 23% dos proxectos orientados a estas áreas

O Mapa constata que se incrementa o potencial do sector para desenvolver solucións cada vez máis innovadoras

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica elaborou o primeiro Mapa de Capacidades Tecnolóxicas no ámbito sociosanitario do Estado, que recolle de xeito exhaustivo a información de todos os proxectos tecnolóxicos desenvolvidos en Galicia polos grupos de investigación, os centros tecnolóxicos e as empresas. O documento pon de manifesto o potencial do sector tecnolóxico galego para desenvolver iniciativas tecnolóxicas que melloren a calidade dos servizos sanitarios e favorezan a súa sostibilidade.

A información recollida no Mapa convértese nunha ferramenta clave para coñecer o punto de partida de Galicia en canto a coñecemento tecnolóxico na área sociosanitaria e poder orientar axeitadamente as políticas públicas de pulo a este sector. Así o indicou a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a presentación do Mapa, na que tamén interviñeron o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla e o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela.

Aliñamento e Estratexia
Os tres responsables autonómicos indicaron que a coordinación dos plans estratéxicos dos seus respectivos departamentos: a Axenda Dixital de Galicia, o I2C, e a Estratexia do Sergas permitirá desenvolver tecnoloxía innovadora para contar con servizos públicos de maior calidade ao tempo que se impulsa o sector da economía do coñecemento

Para aproveitar o potencial que ten Galicia no eido tecnolóxico aplicado a saúde e o benestar a Administración autonómica contempla tres eixos de actuación. Por unha banda, deseñando das tecnoloxías necesarias para o futuro definindo a demanda tecnolóxica de xeito anticipado. Por outra, orientando as políticas de financiamento da Xunta cara as necesidades de futuro e apoiando aos diferentes axentes na captación de financiamento externo. A terceira liña de actuación céntranse en accións destinadas a levar a investigación ao mercado.

Iniciativas 
Os proxectos recollidos no Mapa elévanse a 162, desenvolvidos durante os últimos dez anos, dos que a maioría, o 35% corresponde a solucións relacionadas coa historia clínica electrónica así como co desenvolvemento de sistemas de información para a xestión e a organización sanitaria. Esta porcentaxe é un fiel reflexo do esforzo que vén realizando nos últimos anos a sanidade pública galega. Pero os datos recompilados no Mapa apuntan avances xa noutras áreas como a telemedicina, a teleasistecia e a telemonitorización de pacientes, onde se están a centrar un 23% dos proxectos. Precisamente, nestas dúas áreas xunto coas solucións orientadas a asistencia social, é onde se detecta un maior potencial de colaboración entre os tres axentes do ecosistema tecnolóxico sociosanitario galego.

No 20% dos proxectos existe colaboración entre 2 ou 3 axentes da cadea e neste sentido desde a Administración autonómica búscase favorecer a colaboración entre axentes do sistema de I+D+i e a transferencia de coñecemento dende a investigación ao mercado e elevar esta porcentaxe.

O propio mapa contribuirá a aumentar a visibilidade entre os diferentes axentes da cadea de cara a fomentar a colaboración entre eles e incrementar esta capacidade de transferencia tecnolóxica. Ademais, a información recollida no mapa permitirá aproveitar o coñecemento xerado ata o momento e coñecer a oferta tecnolóxica actual do sector.

Axentes
O Mapa identifica 16 grupos de investigación, repartidos entre as tres universidades galegas; tres centros tecnolóxicos: Gradiant, Cesga e Citic; e as empresas, un total de 24 das que 16 son pemes e 8 grandes empresas. Cómpre destacar que os grupos de investigación do ámbito sociosanitario representan en torno a un 20% do total de grupos de investigación e o persoal que os integra supón preto do 30% do persoal galego en tecnoloxía.

Máis proxectos, máis capacidade de captar fondos
O mapa constata que o apoio financeiro da Xunta incidiu no crecemento do número de proxectos tecnolóxicos galegos deste área e do seu importe. No 2009 a Xunta subvencionou 15 proxectos tecnolóxicos do ámbito sociosanitario que mobilizaron un importe de 2,3 millóns de euros. En 2010 foron 19 as iniciativas subvencionadas que suman un orzamento total de 5,5 millóns de euros entre capital público e privado. Non so se incrementan as iniciativas senón que tamén son de maior calado e supoñen un maior investimento.

Ademais, Galicia comeza a captar financiamento público externo a través de convocatorias estatais e europeas. Nos últimos tres anos a Comunidade participou en 10 iniciativas tecnolóxicas a nivel estatal e europeo cun orzamento total de 26 millóns de euros. Estes datos revelan o aumento do potencial do sector en Galicia para desenvolver solucións cada vez máis innovadoras.