O luns celebrarase o primeiro pleno do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA)
O Osimga, dependente da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, realizará e promoverá estudos sobre o nivel de implantación das TIC na cidadanía, empresas, ou o sector empresarial. Nesta primeira xuntanza se darán a coñecer os datos recollidos no informe sobre Estado da Sociedade da Información en Galicia 2009.
Os indicadores sobre o uso das novas tecnoloxías na Comunidade por parte de cidadáns e empresas avanzan positivamente pero seguen rexistrando valores inferiores á media estatal.
O vindeiro luns, 22 de marzo, celebrarase o primeiro pleno do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), Esta nova entidade é o resultado da integración do Observatorio Galego da Sociedade da Información co Observatorio da Calidade e da eAdministración de Galicia, que atendían ámbitos cada vez máis próximos, facendo necesaria unha actuación máis eficiente que evitase a superposición de ambas as actuacións. Ademais, búscase acadar unha maior coherencia e uniformidade no eido da observación da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia mediante a integración das funcións deses dous organismos nun único observatorio.
O Osimga constitúese como órgano asesor para a valoración da evolución da sociedade da información en Galicia. Ademais promoverá a participación e a colaboración coas distintas administracións públicas nesta materia así como con outros observatorios, organismos e entidades para promover o intercambio de información e experiencias
Como punto de partida para iniciar o seu labor presentarase no transcurso da xuntanza o informe “Estado da Sociedade da Información en Galicia 2009”, que reúne información básica sobre este aspecto no momento actual facilitando análises comparativas con outros marcos xeográficos a nivel de cidadanía, empresas, eGoberno, sector empresarial TIC e telecomunicacións. Do datos recollidos neste estudo se desprende que aínda que os indicadores avanzan positivamente o nivel de equipamento e uso das TIC entre a cidadanía e as microempresas rexistran valores inferiores ao conxunto do Estado. Sen embargo, cómpre sinalar o alto nivel de uso da administración electrónica e o impulso que exerce o sector TIC pola súa capacidade de xeración de emprego e pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico.