O Intecmar pon a disposición dos percebeiros unha ferramenta web coas condicións do mar para cada zona de traballo
Esta ferramenta, que se chama `Percegurú´, ofrece predicións para tres días nos períodos concretos de faena, subministra datos sobre ondas, areas, ventos e temperatura do mar e da auga
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) vén de poñer a disposición do sector percebeiro galego unha ferramenta web na que se poden consultar as condicións oceanográficas e atmosféricas de cada zona concreta do litoral onde se explota o percebe.
Esta ferramenta ofrece información para cada confraría cunha predición de tres días. Faino para os períodos de tempo concretos nos que está autorizada a faena, é dicir, desde dúas horas e media antes e ata dúas horas despois da baixamar diúrna, con tope nas 18:00 horas, como establece a lexislación en vigor.
Con esa antelación, calquera percebeiro pode coñecer dunha maneira sinxela o horario local das mareas, cal vai ser a temperatura ambiente e da auga coa que se vai atopar, con que intensidade e en que dirección van soprar os ventos, cal é a forza e o estado do mar e datos sobre a dirección, frecuencia e altura das ondas.
Precisamente a altura que acaden as ondas é o factor determinante para reflectir sobre un mapa o grao de risco que pode supoñer a actividade en cada zona. Unha luz ou semáforo en verde significa que as ondas non superan os dous metros e cando estas acadan un tamaño entre os dous e os tres metros represéntase con cor ámbar. O mapa destaca en cor vermello as ondas superiores a tres metros.
Esta ferramenta web denomínase Percegurú e pódese acceder a ela no enderezo http://www.intecmar.gal/. Permite seleccionar ao usuario o tramo de costa que lle interese, premendo na confraría correspondente e a data para a que se desexa a predición.
Percegurú é unha aplicación informática desenvolvida no marco do Proxecto Europeo RAIA, polas unidades de Modelado Oceanográfico e Documentación e Apoio Científico do INTECMAR e que emprega datos de MeteoGalicia. Para o mellor aproveitamento desta ferramenta e facilitar a súa consulta, Percegurú incorpora un manual informativo onde se da conta das posibilidades que ofrece e do seu acceso e funcionamento, así como unha pequena explicación sobre como se efectúan as predicións.