O Instituto de Estudos do Territorio destaca a importancia do emprego dos drons para a busca e elaboración de información xeográfica

Mércores 26 de Novembro de 2014

O Instituto de Estudos do Territorio destaca a importancia do emprego dos drons para a busca e elaboración de información xeográfica

A Consellería de Medio Ambiente emprega estas aeronaves para a realización de traballos sobre o territorio como o voo oblicuo do ámbito do Plan Territorial Integrado da bacía do río Eume.

O IET, mediante estes drons, tamén estudou 12 núcleos rurais para a captura de datos como as construcións singulares, os elementos característicos de cada zona ou a rede hidrográfica.

 O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Manuel Borobio, inaugurou hoxe unha xornada técnica sobre RPA (Aeronaves pilotadas por control remoto) e as súas aplicacións civís. O Instituto de Estudos de Territorio, en colaboración coa empresa galega Cartogalicia, pioneira en España no uso destes vehículos, e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organizan unha xornada destinada a profesionais técnicos no entorno da información xeográfica e outros campos afíns ao territorio, co obxectivo de difundir as aplicacións destas aeronaves en traballos civís relacionados coa información do territorio.

Dende o Instituto de Estudos do Territorio, comezáronse a levar a cabo traballos con apoio de drons dende o ano 2012. Os proxectos executados foron de apoio ao recoñecemento e diagnose do medio para os traballos de planificación territorial. Co emprego destas aeronaves, a Consellería de Medio Ambiente realizou un voo fotogramético de 12 núcleos rurais a unha escala de 1/1.000, nunha superficie total de máis de 2.000 has.

A partir dese voo efectuouse unha ortofoto dos 12 núcleos cunha resolución de 8 cm. de píxel, e de 6 dos núcleos púxose a punta a metodoloxía para a captura de información (edificacións, construcións singulares, viario, elementos característicos, peches, rede hidrográfica, etc...) para a caracterización dos núcleos rurais e complemento ao resto de información xeográfica existente. Estes traballos leváronse a cabo no marco da Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais, da colección de paisaxe galega.

O Instituto de Estudos do Territorio tamén impulsou un voo oblicuo do ámbito do Plan Territorial Integrado (PTI) da bacía hidrográfica do Río Eume, no que se levaron a cabo a captura de imaxes en 53 localizacións (entre 60-120 por localización) e cubrindo un territorio de 47.005 ha. A información do voo oblicuo está a ser empregada nos traballos do PTI do Eume, en concreto, na confección do mapa de usos e coberturas do ámbito e na caracterización dos asentamentos rurais.