O inicio das emisións dos novos múltiplex de TDT de Folgoso do Courel e Samos permitirá achegar a oferta completa de televisión dixital a preto de 1.300 galegos
Teledeporte, Marca TV ou Boing son algunhas das canles que se incorporan nesta nova oferta
Unha vez comprobada a calidade da cobertura, os beneficiarios poderán atopar os canles a través dunha simple busca no receptor de TDT
Esta actuación forma parte do Plano da Xunta de Galicia da homoxeneización de coberturas que, durante as próximas semanas, acenderá 67 centros emisores cos novos múltiplex
A posta en funcionamento dos novos múltiplex de TDT de Folgoso do Courel e Samos, previstos para comezos desta semana, permitirá achegar a oferta completa da Televisión Dixital Terrestre a preto de 1.300 persoas.
O múltiplex de Folgoso do Courel porase en funcionamento o luns e achegará a oferta completa de Televisión Dixital a 600 habitantes dos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga. O múltiplex de Samos porase en funcionamento o martes e afectará a uns 700 habitantes dos concellos de Samos e Sarria.
Deste xeito, os beneficiados poderán disfrutar de todas as canles da TDT, que se distribuirán da seguinte forma:
Canle 47: TVEHD, TDP (Teledeporte)
Canle 44: Cuatro, Canal+Dos, LaSexta2, LaSexta3, LaSextaHD
Canle 32: Boing, TelecincoHD, MTV, La 10
Canle 58: Nitro, Antena3HD, MarcaTV, 13TV
Para poder seguir estas canles, os interesados deberán, en primeiro lugar, dispor da cobertura adecuada dos devanditos centros, podendo confirmar tanto o centro emisor como a calidade da cobertura por vía telefónica -981 572 154- ou na web da Oficina Técnica da TDT –www.tdtgalicia.es-.
A continuación, bastará con realizar unha busca de canles no receptor de TDT. No caso das comunidades de veciños, pode ser necesario axustar a antena colectiva para asegurar a calidade da recepción. Así mesmo, para poder ver as canles que emiten en alta definición será necesario, ademais, dispor dun receptor con sintonizador de alta definición HDTV.
O inicio das emisións destes novos múltiplex forma parte do Plano da Xunta de Galicia da homoxeneización de coberturas que, durante as próximas semanas, acenderá 67 centros emisores cos novos múltiplex.