O Igape salienta o potencial do sector TIC para mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas galegas

Mércores 05 de Outubro de 2016

O Igape salienta o potencial do sector TIC para mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas galegas

O director do Instituto, Javier Aguilera, interveu na apertura dunha xornada técnica con empresas tecnolóxicas mexicanas promovida polo clúster TIC e apoiada a través do programa Galicia Exporta

Catorce empresas TIC de Galicia están implantadas en México e outra media ducia delas están enfocando as súas exportacións cara a ese mercado en crecemento

Salienta que en 2015 exportaron a México preto de 500 empresas galegas por importe de 247 millóns de euros, un 56% máis que en 2012

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe o potencial do sector TIC para facilitar a mellora da competitividade das empresas galegas, no seu camiño cara a Industria 4.0, e para reforzar, ao mesmo tempo, os seus avances na internacionalización.

Aguilera participou na apertura dunha xornada técnica con empresas tecnolóxicas mexicanas promovida polo clúster TIC e apoiada a través do programa Galicia Exporta. México é actualmente o primeiro país estratéxico de América Latina para as empresas TIC galegas. De feito, hai xa catorce empresas socias do Clúster TIC que teñen sede en México, e outra media ducia delas están focalizando as súas vendas cara a este mercado.

Ademais de subliñar que o impulso transversal do sector TIC debe ser clave para adaptar os sectores estratéxicos galegos á revolución tecnolóxica que promove a Xunta mediante a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, Aguilera considerou que será igualmente importante para consolidar a ampliar as exportacións galegas, tanto do propio sector como en xeral.

O director do Igape salientou que en 2015 exportaron a México preto de 500 empresas galegas por importe de 247 millóns de euros, un 56% máis que en 2012. México está entre os principais clientes de Galicia e o incremento das exportacións a este mercado está incidindo positivamente no crecemento das exportacións galegas, que o ano pasado pecharon co récord histórico de 18.830 millóns de euros.

Aguilera lembrou os Plans Sectoriais elaborados pola Xunta e o Clúster TIC para impulsar a implantación da Industria 4.0 no agro, a madeira e o téxtil, nunha iniciativa que, admitiu, debe servir como punto de partida e como panca para acelerar a implantación da fábrica intelixente no tecido empresarial galego. O sector TIC galego está a demostrar as súas capacidades tanto en Galicia como nos mercados exteriores, manifestou, e pode ser un aliado estratéxico para as empresas mexicanas.

Os Plans Sectoriais establecen unha serie de conclusións globais, resaltando a necesidade de impulsar a hibridación sectorial; a especialización con solucións TIC específicas para cada sector; a cooperación para crear alianzas estratéxicas; e o pensamento global, deseñando produtos que poidan ser exportados; retos que o sector TIC galego, segundo indicou Aguilera, está a enfrontar con acerto e decisión.

Durante a xornada de hoxe houbo presentacións técnicas das cinco empresas TIC mexicanas que integran a misión inversa, así como unha presentación do catálogo de capacidades e solucións das empresas do Clúster TIC e presentacións dos centros tecnolóxicos que traballan no eido da I+D+i neste ámbito: CITIC, Cesga, Citius, Gradiant e AtlantTIC. Finalmente, houbo encontros bilaterais entre as empresas mexicanas e as empresas galegas.