O Hospital Abente y Lago da Coruña ofrece dende hoxe un percorrido virtual por Galicia a través da exposición Galiciadixital
A mostra foi inaugurada polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, e o xerente do complexo hospitalario, Alfredo García, ademais doutras autoridades.
A mostra itinerante da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, continúa coa súa andadura polos complexos hospitalarios galegos e poderá visitarse dende hoxe e ata o vindeiro domingo 14 de febreiro no Hospital Abente y Lago da Coruña.
A exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Consellería de Sanidade, poderá visitarse gratuitamente en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Durante o acto de inauguración, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, agradeceron a predisposición e colaboración da Consellería de Sanidade para poder achegar esta exposición aos complexos hospitalarios.
Trátase da segunda vez na historia da mostra que Galiciadixital visita un hospital. Recentemente a exposición estivo no Hospital Xeral Calde de Lugo onde recibiu a visita de case seiscentas persoas e se prevé que en breve visite o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O secretario xeral de Medios sinalou que “a intención so seu departamento é que a mostra continúe a súa andadura polos complexos hospitalarios galegos ao longo de todo o ano”. Pola súa banda o xerente do complexo hospitalario, Alfredo García, animou a todos os coruñeses a visitar a exposición e agradeceu esta oportunidade á Secretaría Xeral de Medios.
A través desta exposición a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas. Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.
Contidos da exposición itinerante
Os visitantes poderán disfrutar do mundo virtual que ofrece Galiciadixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como por exemplo as “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.
Ademais poderán xogar con “Axóuxere”, un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente, que en modo automático atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota; ou poderán incluso converterse en tiraboleiros grazas ao Tiraboleiro Virtual, un espectáculo audiovisual co que se pretende dar a coñecer unha tradición galega tan significativa como o uso do emblemático botafumeiro da catedral compostelá. E así ata tres contidos diferentes máis que permitirán ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida e que completan a exposición que estará no Abente y Lago da Coruña do 9 ao 14 de febreiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde e para todos os públicos.