O Goberno galego destina 88 millóns de euros para dotar da mellor tecnoloxía aos hospitais galegos
Feijóo precisa que nesta licitación están incluídos todos os hospitais do Sergas, facendo fincapé no novo Hospital de Vigo; na ampliación da carteira de servizos do Hospital Lucus Augusti de Lugo, coa dotación este ano do equipamento preciso para radioterapia e medicina nuclear; e na dotación do TAC de última xeración para o Hospital do Barco de Valdeorras.
“As grandes infraestruturas pactadas nos hospitais da Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense tamén están incluídas, así como as especificidades pactadas nos hospitais comarcais”, engade.
O titular do Goberno galego afirma que este mesmo mes invitarase a todas as empresas a presentar unha oferta final; “valoraranse todas as ofertas e entre os meses de marzo, abril e maio estará definitivamente adxudicada toda a aparellaxe para os próximos oito anos”.
O responsable autonómico salienta que o obxectivo é ofrecer aos cidadáns os mellores servizos para o diagnóstico e o tratamento das enfermidades, con técnicas menos invasivas, menos dolorosas e máis seguras e certeiras para os pacientes.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello o desbloqueo de máis de 88 millóns de euros para dotar da mellor tecnoloxía aos hospitais galegos os vindeiros oito anos. “Estamos a falar do desbloqueo dun dos maiores investimentos que se teñen feito nunca na dotación tecnolóxica do Sergas para renovar a tecnoloxía dos hospitais galegos do Servizo de saúde; do maior plan renove de tecnoloxía sanitaria que neste momento hai no Sistema Nacional de Saúde”, aseverou.
Feijóo subliñou que se trata dun contrato de colaboración entre o sector público e as industrias tecnolóxicas sanitarias, con tres lotes de renovación, ampliación e compra de nova tecnoloxía: lote de diagnóstico por imaxe, lote de intervencionismo e lote de radioterapia.
Así mesmo, precisou que nesta dotación están incluídos todos os hospitais do Sergas, facendo fincapé no novo Hospital de Vigo; na ampliación da carteira de servizos do Hospital Lucus Augusti de Lugo, coa dotación este ano do equipamento preciso para radioterapia e medicina nuclear; e na dotación do TAC de última xeración para o Hospital do Barco de Valdeorras. “As grandes infraestruturas pactadas nos hospitais da Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense tamén están incluídas, así como as especificidades pactadas nos hospitais comarcais”, engadiu.
“Contratamos polo tanto o uso da alta tecnoloxía para os hospitais galegos para os vindeiros oito anos: aumentando a calidade asistencial; mellorando a dispoñibilidade do equipamento; e permitindo á cidadanía galega o acceso aos últimos avances”, dixo, logo de subliñar que o formato contractual elixido presenta unha serie de vantaxes respecto ao que se viña facendo ata agora.
Sobre este segundo aspecto, o titular do Goberno galego destacou que xa non é preciso adquirir os equipos e contratar despois o mantemento; o adxudicatario será o responsable de que o equipo estea en boas condicións de uso en todo momento; redúcese o custe inicial de implantación da tecnoloxía; mellóranse os prazos de posta en marcha; e garántese a formación continuada do persoal e a actualización tecnolóxica do equipamento. “Con este acordo garantimos que practicamente a totalidade desta aparellaxe se instale ao longo do 2015 e 2016; o mantemento durante oito anos e a renovación; a formación do persoal; un software igual para todos independentemente do hospital; e o seu rendemento”, afirmou.
Unha vez autorizado o gasto, Feijóo explicou que este mesmo mes invitarase a todas as empresas a presentar unha oferta final; “valoraranse todas as ofertas e entre os meses de marzo, abril e maio estará definitivamente adxudicada toda a aparellaxe para os próximos oito anos”.
Logo de asegurar que a Sanidade seguirá a ser tamén nesta segunda lexislatura unha das prioridades do Goberno galego: con máis infraestruturas –ampliacións, reformas e novos hospitais e centros de saúde- e con máis tecnoloxía, con programas como o Innova Saúde e Hospital 2050, Feijóo insistiu en que con este acordo garántese que a Sanidade pública galega dispoña dos mellores medios, o seu mantemento, renovación tecnolóxica e financiamento, así como o seu rendemento e a súa axeitada actualización. “Todo elo para ofrecer aos cidadáns os mellores servizos para o diagnóstico e o tratamento das enfermidades, con técnicas menos invasivas, menos dolorosas e máis seguras e certeiras para os pacientes”.