O Goberno de Chile interésase pola estratexia de inclusión dixital da Xunta

Xoves 21 de Abril de 2016

O Goberno de Chile interésase pola estratexia de inclusión dixital da Xunta

Un alto cargo da Dirección Sociocultural do Goberno chileno reuniuse hoxe coa directora da Amtega para coñecer o funcionamento da Rede de aulas CeMIT e as medidas para impulsar unha sociedade dixital na Comunidade.
Chile está a renovar o seu Programa de Telecentros para achegar as TIC aos colectivos máis vulnerables.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, recibiu hoxe a Rosa Neira, xefa de de Gabinete da Dirección Sociocultural do Goberno de Chile. A responsable de goberno chileno achegouse a Galicia para coñecer en detalle a estratexia de inclusión dixital da Administración Autonómica galega e o proceso de implantación da rede CeMIT.

Tras a xuntanza, Rosa Neira visitou a aula CeMIT de Santiago para ver in situ o funcionamento dun dos 98 centros integrados na Rede, presente en 94 concellos e nas 53 comarcas galegas, e que ofrece formación dixital gratuíta a toda a poboación.

A Amtega puxo en marcha a Rede en 2011 conseguindo que, a día de hoxe, todo galego teña un aula dispoñible a media hora de distancia do seu fogar. Nestes cinco anos, impartíronse a través das aulas CeMIT máis de 186.000 horas de formación gratuíta e conta con máis de 53.000 usuarios rexistrados.

As actuacións de CeMIT compleméntase desde 2012 coas medidas do Programa de Voluntariado Dixital, do que se beneficiaron más de 18.000 persoas e no que colaboran máis de 460 voluntarios e 122 entidades.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020
A rede de aulas CeMIT é un dos instrumentos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, aprobado hoxe no Consello da Xunta, para acadar unha sociedade plenamente dixital formada e capacitada no uso das tecnoloxías, capaz de explotar e aproveitar todo o potencial das TIC a nivel persoal, profesional e relacional.

O Plan, a cinco anos, ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC. Para acadar este obxectivo o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.

O programa de Telecentros de Chile
Chile puxo en marcha en 2009 o Programa de Telecentros para impulsar a inclusión dixital en contextos de vulnerabilidade. Conta cun total de 119 telecentros e as Universidades encárganse de manter operativos cada un dos espazos e seleccionan e coordinan ás persoas a cargo e os seus asesores locais, manteñen reunións coas organizacións comunitarias, comunais e gobernamentais. Actualmente atópase novamente nun proceso de transformación e relanzamento dos seus servizos, organización, funcións, etc para adecuarse aos sectores máis vulnerables do País.