O goberno chileno interésase pola estratexia tecnolóxica da Xunta de Galicia

Sábado 13 de Febreiro de 2016

O goberno chileno interésase pola estratexia tecnolóxica da Xunta de Galicia

A directora da Amtega mantivo unha reunión de traballo co subsecretario de Telecomunicacións chileno.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, reuniuse esta semana na sede da Amtega co subsecretario de Telecomunicacións de Chile, Pedro Huichalaf.

O representante do Goberno de Chile achegouse a Galicia para coñecer de primeira man a estratexia tecnolóxica da Administración autonómica, tanto no referido ao despregamento de infraestruturas como aos plans de dixitalización dos servizos públicos e sectores estratéxicos da economía galega que está a desenvolver o Goberno galgo.

Axenda Dixital 2020
Na xuntanza a directora da Amtega expúxolle ao subsecretario de Telecomunicacións chileno os principais fitos acadados desde 2009 en materia tecnolóxica, como a creación da propia Axencia como único órgano que xestiona de xeito centralizado toda a política tecnolóxica da Xunta e a posta posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás. Os avances na dixitalización da Administración, da Xustiza e da Educación foron outros dos aspectos abordados así como o desenvolvemento da nova Axenda Dixital de Galicia 2020.

A estratexia tecnolóxica galega para os vindeiros cinco anos mobilizará un investimento público-privado de 1.500 millóns de euros. A directora da Amtega indicou que o seu departamento, en colaboración coas consellerías, está a desenvolver os 14 plans de actuación desta Axenda para consolidar a dixitalización da Educación, a Xustiza, do eido sociosanitario, dos sectores primarios e estratéxicos galegos e para proporcionar o acceso a todos os galegos de redes ultrarrápidas.