O expositor da Xunta achegou esta semana as TIC á cidadanía galega na exposición tecnolóxica "Movemento Avanza"

Domingo 29 de Novembro de 2009

O expositor da Xunta achegou esta semana as TIC á cidadanía galega na exposición tecnolóxica "Movemento Avanza"

Cidadáns da Coruña e de toda Galicia participaron nas actividades, conferencias e obradoiros constatando de forma práctica e divertida as vantaxes e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na súa vida cotiá

A Xunta de Galicia, amosou durante toda esta semana a intención e o compromiso de achegar as TIC á cidadanía galega. O expositor da Xunta no evento tecnolóxico itinerante Movemento Avanza puxo á disposición dos visitantes ordenadores con acceso a internet, un punto de información, un lector de pegadas dactilares e de DNI electrónico, ademais de diferentes materiais audiovisuais. Os que se achegaron ao expositor tamén puideron observar un apartado dedicado á Televisión Dixital Terrestre (TDT) no que a Xunta de Galicia divulgou información sobre a situación e o futuro deste servizo en Galicia.

Movemento Avanza, a maior exposición tecnolóxica itinerante de España que ten como finalidade achegar as vantaxes da tecnoloxía á cidadanía, organizada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, finaliza hoxe o seu paso pola Coruña. A exposición e as actividades participativas, centrada no Palexco da Coruña, teñen como obxectivo dar a coñecer os usos e aplicacións prácticas das TIC, divulgar o manexo da Internet e proporcionar información sobre as axudas e medidas de impulso á Sociedade da Información contempladas no Plan Avanza2.

Nesta liña, cidadáns da Coruña e de toda a Comunidade galega participaron nun gran número de actividades, conferencias e obradoiros constatando de forma práctica e divertida as vantaxes e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na súa vida cotiá.

Dentro destas iniciativas, a Xunta de Galicia aproveitou a ocasión para anunciar que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) puxo en marcha esta semana, a plataforma web iMit (Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica, http://imit.xunta.es), que nace co obxectivo de converterse no instrumento de referencia na comunicación, divulgación e promoción das diversas actividades que en materia de Sociedade da Información se realicen dende a Xunta de Galicia.
A secretaria xeral, Mar Pereira salientou na inauguración destas xornadas, que “esta iniciativa ten a súa razón na estratexia que en materia de promoción, desenvolvemento e difusión da Sociedade da Información e as Comunicacións está a desenvolver a Xunta de Galicia, unha estratexia integradora na que a SXMIT xoga o papel fundamental de desenvolver e coordinar todas as iniciativas de desenvolvemento da Sociedade da Información”.

Foron miles de persoas as que pasaron polo expositor da Xunta onde recibiron formación sobre diversos aspectos das novas tecnoloxías. A formación centrouse tanto na cidadanía, como en empresarios, co obxectivo de informar e formar ás pequenas e medianas empresas sobre as vantaxes de incorporar as novas tecnoloxías no seu negocio e das axudas que teñen ao seu alcance. Tamén se realizaron diferentes actividades para integrar na Sociedade da Información aos colectivos en risco de exclusión, entre eles maiores, discapacitados e as mulleres que, polas súas circunstancias, teñan difícil acceso ás novas tecnoloxías. 

Ademais, durante máis dunha semana, todos os coruñeses puideron ver os grandes monumentos TIC de máis de catro metros de altura, situados no Peirao de Transatlánticos e no Cantón Grande, con referencias a diferentes ferramentas tecnolóxicas como a @, o DNIe, os dominios .es, a TDT e as siglas www (world wide web). Todos os presentes tamén puideron realizar actividades participativas e a pé de rúa como Ponte en forma co Plan Avanza, un espazo que ofrecía información sobre os Préstamos Avanza para axudar ás familias e pemes a adquirir equipamento informático e conexión a Internet mediante banda larga ao 0% de xuro, ou coñecer todas as vantaxes e información sobre as iniciativas na rede impulsadas polo Goberno galego.

Dende a apertura desta exposición o pasado martes, a Xunta de Galicia organizou xornadas de formación, obradoiros e conferencias como o relatorio Memoria de muller; a actividade Memoria dos oficios; a presentación da Plataforma Tecnolóxica e Desenvolvemento do Proxecto Diccionario Enciclopédico Galego das TIC; unha xornada sobre sistemas de uso seguro de Internet na infancia; sobre Internet para persoas maiores; a presentación de Esignovisual, diccionario virtual de termos tecnolóxicos en linguaxe de signos; un obradoiro sobre as ferramentas de Google na rede como Google calendar, Google docs ou a webmail; xornadas sobre a Enciclopedia virtual Wikipedia; sobre as Comunidades Sociais Facebook ou Tuenti ou sobre as novas páxinas web da Xunta de Galicia ou do Servizo Galego de Saúde.