O Expediente-e reducirá un 50% a carga administrativa do Sergas por procesos selectivos de recursos humanos
Trátase dunha plataforma que desenvolve unha nova forma de xestionar os currículums dos profesionais de forma electrónica mediante a páxina web
A sanidade pública galega dá un paso máis ao aplicar as novas tecnoloxías ao ámbito da xestión de recursos humanos, situándonos á cabeza de España neste eido
As próximas listas de contratación temporal, previstas para o último trimestre do ano, xeraranse conforme a este novo sistema
Máis de 120 persoas formáronse para facilitar a implantación desta ferramenta e axudar aos profesionais na súa utilización, ademais, ubicáronse máis de 25 puntos de información en varios centros sanitarios para facilitar o seu uso
A directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Esperanza Fernández Lago, anunciou esta mañá a posta en marcha do Expediente-e único do profesional, que permitirá a todo o persoal do Sergas dispoñer dun currículo profesional electrónico e centralizar e unificar os seus méritos. Fernández Lago destacou que o novo sistema garante os compromisos de modernización, axilización na xestión e transparencia establecidos na Estratexia 2014 do Servizo Galego de Saúde.
A directora de Recursos Humanos do Sergas tamén salientou que a súa aplicación permitirá reducir en máis dun 50% a carga administrativa que neste momento xeran todos os procesos de RRHH. Neste senso incidiu en que “ata o de agora non existía unha plataforma que contivese o CV dos nosos profesionais, o que supoñía que éste tiña que ser representado en cada proceso, reactualizado, rebaremado de xeito manual, o que ampliaba os prazos e redundaba nun desaproveitamento dos recursos, e nunha insatisfacción por parte dos usuarios”.
A sanidade pública galega dá un paso máis ao aplicar as novas tecnoloxías no ámbito da xestión de recursos humanos, como xa fixera coa aplicación da receita electrónica e a historia clínica electrónica, e agora é posible “estendelo ao ámbito da xestión de recursos humanos, pois así é como nace esta iniciativa do Expediente Electrónico, que nos sitúa á cabeza de España neste ámbito” afirmou Esperanza Fernández.
Proceso sinxelo e intuitivo
O expediente estará visible a partir do xoves no espazo da Oficina Virtual do Empregado (FIDES) na páxina web da Consellería de Sanidade. O Expediente-e é unha nova forma de xestionar o currículum profesional de forma sinxela e intuitiva, acurtando prazos de xestión á hora de inscribirse en ofertas de emprego público, listaxes de contratación temporal, promoción laboral, ou procesos de mobilidade.
Cada profesional ten a posibilidade de consultar os datos que xa constan no seu expediente electrónico e actualizar os seus datos e introducir novos méritos, para a posterior entrega de documentación que os acredite, sempre que non consten xa como tal. Desta forma, os méritos debidamente acreditados quedarán incorporados ao expediente electrónico do profesional para ser utilizados automaticamente nos procesos nos que o profesional desexe participar.
As próximas listas de contratación temporal, para o último trimestre do ano, terán como soporte este novo sistema de xestión.
Vantaxes deste sistema
A implantación deste sistema ten beneficios tanto para a Administración como para o persoal do sistema sanitario. No que atinxe á Administración, coa posta en marcha do Expediente-e, conseguirase unha resolución máis áxil dos procesos que conleven a baremación de méritos, así como a redución das reclamacións grazas á transparencia do sistema, e supón un importante aforro en papel e outros recursos materiais, sobre todo nos prazos de resolución.
Outra das vantaxes é a adecuación da administración aos modernos sistemas de xestión de persoal, cun incremento da calidade dos servizos que se lles ofrecen, posto que o sistema contará con toda a información actualizada sobre o Curriculum Vitae, permitíndolle facer un seguimento individual dos procesos nos que decida intervir, e posibilitando ademais a consulta do estado dos seus méritos, conseguindo así un sistema áxil é transparente.
Está pensado para os máis de 38.000 profesionais que forman parte do sistema sanitario público na actualidade, pero tamén poden xa beneficiarse desta ferramenta todos aqueles profesionais que desexen incorporarse á sanidade galega, facilitando a súa inclusión nos procesos de selección temporal existentes e demais que se convoquen no futuro da forma máis áxil e transparente.
Implantación do Expediente-e
Máis de 120 profesionais formáronse en distintas tarefas relacionadas co expediente (validación, acreditación de información, informativas…) na Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, para explicar ao persoal o proxecto e os sistemas de acceso ao expediente, así como para a súa utilización. Tamén impartiuse formación de accesos ás organizacións sindicais, e están previstas novas sesións formativas con outros colectivos.
Por outra banda, habilitáronse nos centros máis de 25 puntos de información do expediente profesional.