O expediente dixital en dependencia permitirá aos galegos tramitar a súa solicitude na web a partir de outubro
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, explicou hoxe que a plataforma telemática mellorará a calidade da xestión e axilizará os tempos de resolución
A iniciativa levará consigo un aforro de preto de 1,2 millóns de euros anuais
O departamento autonómico rematará este mes a dixitalización de 137.000 expedientes, un labor que se está a realizar desde hai dous anos
O Goberno galego prevé que máis de 21.000 expedientes entren anualmente na sede electrónica da Xunta
A iniciativa, na que está a colaborar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), forma parte do Plan de Modernización da Administración e da a estratexia tecnolóxica da Xunta
Os galegos e galegas poderán presentar a súa solicitude de dependencia a través da web a finais do próximo mes de outubro. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, explicou hoxe os detalles técnicos da nova plataforma telemática que mellorará a calidade da xestión en materia de dependencia, axilizará os tempos de resolución e levará consigo un aforro de preto de 1,2 millóns de euros anuais.
A Xunta de Galicia leva a traballar desde o ano 2010 na posta en marcha desta iniciativa na que tamén está a colaborar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Para poñer en marcha este sistema, a Consellería de Traballo e Benestar levou a cabo tres fases: a dixitalización dos expedientes históricos, a implantación dun programa de xestión documental e traballou na tramitación electrónica.
En primeiro lugar, Mato explicou que a dixitalización dos expedientes históricos ten suposto traballar con 137.000 expedientes. Na actualidade, este proceso xa está rematado nun 93,5 por cento, é dicir, máis de 128.000 expedientes xa se dixitalizaron e os 9.000 restantes estarán listos no mes de outubro.
A titular de Benestar sinalou, en segundo lugar, que tanto os expedientes históricos como os novos que vaian entrando serán envorcados de forma automática nun programa de xestión documental. A esta plataforma terán acceso os técnicos de dependencia para poder visualizar dixitalmente os expedientes. “Deste xeito simplificaremos o traballo da Administración e poderase acadar unha dixitalización dos tempos de resolución”, apuntou.
Por último, a conselleira centrouse na gran vantaxe que ofrece o expediente dixital ao facilitar a tramitación telemática dos novos expedientes por parte do cidadán. “Esta xestión farase a partir de outubro máis rápida, sinxela, directa e eficiente”, destacou. Ao respecto, subliñou que na medida do posible evitarase a xeración de papel físico para a tramitación dos expedientes. Deste xeito, prevese que máis de 21.000 expedientes anuais entrarán na sede electrónica da Xunta o que suporá un aforro estimado de preto de 1,2 millóns de euros.
A posta en marcha deste expediente dixital para a dependencia forma parte do Plan de Modernización da Administración e da a estratexia tecnolóxica da Xunta, que busca integrar as TIC en todos os eidos administrativos para conseguir unha maior eficiencia reducindo os tempos e custes dos trámites.
O expediente dixital da dependencia é unha parte importante do Plan para modernizar o sistema galego de servizos sociais no que están a traballar conxuntamente a Consellería de Traballo e Benestar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica.
O obxectivo deste Plan é avanzar cara o expediente social único a través da integración das TIC nos sistema para mellorar as prestacións, simplificar procedementos, reducir os prazos de tramitación e compartir información e recursos entre todas as administracións.