O espectáculo “Forzas e enerxías” de Economía e Industria achégalles os segredos dos fenómenos físicos a máis de 400 estudantes de Pontevedra
Os alumnos e alumnas sometéronse a un detector de mentiras elaborado con ketchup, usaron un bazooka de aire e fixeron lume chocando dúas bolas metálicas para aprender diferentes fenómenos relacionados coa enerxía
Os catro espectáculos de ciencia da Consellería chegarán a máis de 8000 alumnos e alumnas de toda Galicia
A Consellería de Economía e Industria organiza estas actividades, en colaboración coa Fundación Barrié, para conmemorar o 20 aniversario de Tecnópole
Un total de 420 estudantes participaron nas tres sesións celebradas hoxe no edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra no marco da xira do espectáculo de ciencia ‘Forzas e enerxía’. Este espectáculo, promovido pola Consellería de Economía e Industria e organizado por Tecnópole e Fundación Barrié, chegou ao longo deste mes de abril a máis de 2500 rapaces e rapazas en Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense e fixo a súa derradeira parada hoxe en Pontevedra.
Os participantes puideron apreciar, mediante diversos experimentos, de que maneira as enerxías, que a simple vista non se perciben, están presentes na práctica totalidade dos fenómenos que arrodean a nosa vida cotiá.
Para explicar a forza da fricción, entrelazáronse as follas de dúas guías telefónicas que non puideron ser separadas a pesar do esforzo de catro voluntarios puxando de cada unha. A continuación, mediante os artiluxios dos científicos que impartiron a sesión, coma un bazooka de aire, unha polea e unhas bolas elásticas, expuxéronselles fenómenos coma as masas de aire e a forza multiplicada que xeran as pancas.
O principio do equilibrio térmico permitiulles experimentar aos asistentes coa aplicación directa de lume a un globo cheo de auga, que por efecto do enfriamento desta non explota. E lume tamén conseguiron facer chocando simplemente dúas bolas metálicas, grazas á enerxía desprendida na colisión.
Ademais, os rapaces e rapazas viron sorprendidos como funcionaba á perfección un detector de mentiras elaborado con ketchup e baseado na presión dos fluídos.
Por último, os asistentes puideron comprobar por qué os faquires poden deitarse nunha cama de cravos sen mancarse, un fenómeno que parece sobrenatural pero que ten unha explicación científica.
Ata o mes de maio
No mes de maio celebrarase a derradeira xira dos espectáculos de ciencia, iniciados en febreiro, esta vez coa temática da maxia química.
A iniciativa, que forma parte do programa de actividades conmemorativas do 20 aniversario da Tecnópole, enmárcanse na liña de actuación de desestacionalización das actividades de divulgación científica contemplada no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, que ten como obxectivo promover a celebración de actividades de divulgación á marxe da Semana da Ciencia.
Os ‘Espectáculos de ciencia’, que en total contarán coa participación de máis de 8000 escolares, supoñen un reto importante para Tecnópole porque implican levar por primeira vez a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia. As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes.
O obxectivo desta experiencia é levar a ciencia da maneira máis didáctica e amena aos máis novos. Ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos. Isto serve para espertar nos rapaces e rapazas, que asisten acompañados polos seus profesores, a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.
20 aniversario
Os ‘Espectáculos de ciencia’ son unha actividade organizada e executada polo Parque Tecnolóxico de Galicia con base na súa dilatada experiencia en iniciativas de divulgación da ciencia e da tecnoloxía. Ademais de abrir as súas portas de xeito continuado a grupos escolares, dende hai seis anos organiza a feira científica máis importante de Galicia: a ‘Galiciencia’, que foi medrando en prestixio ata converterse na súa última edición en actividade de referencia da Semana da Ciencia en España.
Esta é a primeira dunha serie de actividades deseñadas especialmente para conmemorar o 20 aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, que se estenderán ao longo de todo o ano.