O encontro “DICO Summit 2017” premiará a creatividade dos máis novos co concurso de ideas “na busca do talento dixital”
Recoñecerá ideas orixinais sobre un produto ou servizo innovador no eido dos contidos dixitais, tanto no ámbito estudantil como no profesional
Poden participar mozos de entre 18 e 30 anos, na categoría de mozo adulto, e rapaces de entre 14 e 18 anos, na categoría de mozo
O prazo de presentación de ideas remata o 23 de xaneiro e os premios entregaranse o 25 de xaneiro na clausura do encontro
DICO Summit 17 reunirá na Cidade da Cultura a profesionais e representantes de empresas de referencia como Technicolor e Nokia, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio
O encontro DICO Summit 2017 premiará a creatividade e a orixinalidade de propostas de novos produtos e servizos vinculados aos contidos dixitais co concurso de ideas “Na busca do talento dixital”. Está dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos, na categoría de “mozo adulto”, e a rapaces de entre 14 e 18 anos na categoría de “mozo”.
Ata o día 23 de xaneiro ás 17.00 hs. calquera mozo nese rango de idade poderá presentar a súa proposta de ideas, aplicable aos contidos dixitais en calquera ámbito co requisito de que sexan orixinais e se diferencien doutros produtos ou servizos comerciais que poidan existir na actualidade e sexan de dominio público. A proposta pódese presentar de xeito individual ou en grupo, integrado por un máximo de 3 persoas. A documentación, que deberá incluír a descrición xeral de idea, a tecnoloxía necesaria, as principais vantaxes que supón, os posibles clientes ou consumidores, ademais dos datos de contacto, remitirase á dirección de correo electrónico info@dicosummit.gal.
Haberá dous premios por categoría, primeiro premio e mención especial, que consistirán en dispositivos electrónicos, libros, material promocional ou subscricións relacionadas co campo dos contidos dixitais. O nome dos premiados e a entrega de galardóns terá lugar o día 25 de xaneiro antes da clausura do DICO Summit 2017. As bases do concurso poden consultarse na web dicosummit.gal.
#dicosummitgal
O evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017 reunirá, os días 24 e 25 de xaneiro na Cidade da Cultura, a profesionais e representantes de empresas de referencia como Technicolor e Nokia, entre outros, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos. O encontro, promovido pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia, ten aberto o prazo de inscrición través do enlace http://dicosummit.eventbrite.com.
Ao longo de dúas xornadas, DICO Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.
Showroom, Networking e Concurso de ideas
Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.
A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal