O emprego da videoconferencia nos órganos xudiciais galegos permitiu aforrar máis de 260.000 euros en desprazamentos en 2012
A Xunta completou o ano pasado a instalación de 22 novos equipos, conformando unha rede de 55 dispositivos nas sedes xudiciais galegas
Ademais, habilitáronse 310 postos de videoconferencia persoal para fiscais, forenses, xuíces e maxistrados que se ampliarán a 600 ao longo deste ano
Durante o pasado ano realizáronse máis de 2.400 videoconferencias
A posta en marcha da rede de videoconferencia é unha das actuacións do Plan Senda para modernizar a Xustiza na Comunidade
Durante 2012 realizáronse un total de 2.449 videoconferencias nos órganos xudiciais galegos, que permitiron un aforro estimado, só en desprazamentos, superior aos 260.000 euros. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), rematou o ano pasado a posta en marcha desta rede ao finalizar o despregamento de 22 novos terminais de sala.
Actualmente, a Administración da Xustiza en Galicia conta cunha rede de videonconferencia dotada de 55 equipos de sala que dan servizo ao o 100% das salas consideradas preferentes (menores, violencia de xénero, penal, vixilancia penitenciaria).
Duplicaranse o postos de videoconferencia persoal
Ademais, están instalados 310 postos de videoconferencia persoal nos equipos dos usuarios das Fiscalías, o IMELGA e dos xuíces e maxistrados das vilas galegas e está previsto amplialas a 600. O uso desta aplicación, que permite a participación dos usuarios de xeito remoto, facilítase o traballo colaborativo, xa que permite compartir documentación e participar en reunións evitando os desprazamentos.
Usos e vantaxes
A videoconferencia na administración de xustiza emprégase nas declaracións e interrogatorios de procesados, testemuñas e peritos, tanto en fase de instrución penal como na celebración de vistas en todos as ordes xurisdicionais. Adoita empregarse tamén nas entrevistas dos xuíces de Vixilancia Penitenciaria aos reclusos e nas declaracións interrogatorios e entrevistas a menores en centros de internamento polas Fiscalías ou Xulgados de Menores.
Entre outras vantaxes, a videoconferencia contribúe a axilizar a actividade xudicial, permite unha maior seguridade ao evitarse traslados nos casos de reclusos e presos preventivos aos órganos xurisdicionais, reduce os desprazamentos de peritos, testemuñas e partes e facilita unha mellor organización do traballo nos órganos xudiciais ao evitar aprazamentos por motivos de distancia física. Ademais, permite reducir custes por dietas, gastos de custodia e investimento en vehículos.
Plan Senda
A posta en marcha da rede de videoconferencia nos órganos xudiciais é unha das actuacións previstas no marco do Plan Senda da Xunta para integrar as TIC na Xustiza, que contou cun investimento no período 2009-2012 de 13,7 millóns de euros.
Entre os obxectivos acadados o pasado ano grazas ao Plan está finalización da implantación do sistema Lexnet en todos os órganos xudiciais de da Comunidade, que rexistraron 2.551.458 notificacións electrónicas. Para empregar este sistema a Xunta completou en 2012 o proceso de acreditación dixital dos empregados públicos da Administración da Xustiza a través do Programa Kronos coa emisión de 2.551 tarxetas criptográficas que permiten o acceso a Lexnet e a sinatura dixital.
Ente as liñas de actuación para 2013 destaca a posta en marcha dun Plan para a renovación dos sistemas de gravación de vistas en sedes xudiciais no marco do convenio Ius+Red asinado entre a Xunta de Galicia, o Ministerio de Justicia e a entidade pública empresarial Red.