O DOG publica hoxe unha orde de axudas por valor de 15 millóns de euros para despregar a banda larga en 11.000 núcleos do rural galego
Máis de 250.000 galegos poderán acceder a Internet grazas a estas novas infraestruturas de telecomunicación que se implantarán no período 2011-2013
Con esta actuación, que complementa ás xa iniciadas durante o 2010, facilitarase a cobertura de banda larga ao 94% da poboación no 2013
Ademais, posibilitarase o acceso á Rede ao 100% dos centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, e outros servizos públicos sen cobertura
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica concederá, conforme o previsto no Plan de Banda Larga 2010-2013, axudas de 15.290.000 euros para a creación de novas redes de acceso á banda larga na contorna rural de Galicia. Así se recolle nunha orde de axuda, en réxime de concorrencia competitiva, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Redes de acceso de banda larga no rural galego
As axudas previstas estarán destinadas ao despregamento de redes de acceso de banda larga en 11.000 núcleos do rural galego, ubicados nas denominadas zonas brancas, é dicir, que non teñen acceso á mesma nin previsión de telo. Estas achegas, cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), realizaranse co compromiso de despregar a totalidade da rede antes do remate do ano 2013.
Esta subvención, cofinanciada con fondos Feder, supón un máximo do 40% investimento preciso para esta actuación. Así, grazas á achega da Administración de máis de 15 millóns de euros conseguirase un investimento a lo menos 38 millóns de euros para o despregamento destas redes de banda larga na Comunidade.
Con esta actuación, da que se beneficiarán máis de 250.000 habitantes que a día de hoxe non dispoñen de cobertura, búscase suprimir a fenda dixital que afecta ao rural galego complementando o alcance dos despregamentos postos en marcha a través do Plan de Banda Larga durante o 2010. O pasado ano as actuacións do Plan conseguiron reducir nun terzo a poboación sen cobertura en Galicia.
A Xunta de Galicia aproba esta convocatoria de axudas tan só unhas semanas despois de que o Goberno do Estado aprobara o Real Decreto 458/2011 sobre actuacións en materia do espectro radioeléctrico para o desenvolvemento da sociedade dixital, que autoriza, entre outras cousas, o refarming na banda 900 Mhz, inicialmente asignada para a tecnoloxía GSM, o que impedía dar servizos 3G nesta banda. Esta medida posibilitará o impulso as comunicacións de banda larga en mobilidade e amplía o abano de posibilidades tecnolóxicas que os interesados poderán ofertar para a extensión da banda larga nas zonas máis rurais de Galicia.
Obxectivos do Plan de Banda Larga 2010-2013
Coa convocatoria de axudas aprobada hoxe polo Consello da Xunta porase en marcha una nova acción do Plan de Banda Larga que permitirá completar a cobertura na maior parte do ámbito rural galego. Este novo despregamento de infraestruturas súmase as actuacións das que xa se puxeron en marcha durante o ano pasado: a implantación de redes fixas, sen fíos, e de nova xeración (con velocidades de 100Mbps); e a potenciación do operador público Retegal, que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia.
O alcance conxunto da presente convocatoria e das axudas xa concedidas pola Xunta de Galicia durante o pasado ano 2010, levará a banda larga ao 94% da poboación de Galicia en 2013 así como ao 100% dos puntos de demanda estratéxica para a administración (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. A cobertura completarse ata o 100% cunha nova actuación que facilitará a conexión a Internet a través de satélite e que se porá en marcha antes de 2013.
A día de hoxe, e en menos dun ano desde a súa posta en marcha, o Plan conseguiu dotar de cobertura a 250.000 galegos que carecían de acceso á rede. Este ano o Plan prevé posibilitar o acceso á banda larga máis do 84% da poboación fronte ao 70% existente en 2009.