O DOG publica hoxe dúas ordes de axuda para despregar parte das infraestruturas previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013
Achegaranse ata 38 millóns de euros para a extensión de redes troncaís de alta velocidade e para o despregamento de redes de nova xeración. Máis de 1.100.000 galegos beneficiaranse da implantación destas novas infraestruturas de telecomunicacións no 2013.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica concederá axudas de ata 38 millóns de euros para a creación de novas infraestruturas previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013. Así se recolle en dúas ordes de axuda, en réxime de concorrencia competitiva, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Deste xeito a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, financiará con ata 10.895.000 euros a implantación de redes troncaís de alta capacidade en núcleos de máis de 100 habitantes nos que nos que non presta servizo ningún operador. Así mesmo, achegará ata un máximo de 28.000.000 euros para a extensión de redes de nova xeración en poboacións nas que se pode constituír unha importante demanda de acceso a este tipo de servizos. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá.
Redes de alta capacidade
Co obxectivo de garantir o acceso á banda larga de calidade nos núcleos de máis de 100 habitantes dentro das zonas carentes deste servizo (zonas brancas), a Xunta de Galicia destinará un importe máximo de 10.895.000 euros á axudas para o despregamento de redes primarias de alta capacidade. Estas achegas, cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), realizaranse co compromiso de despregamento e comercialización dunha rede de acceso de banda larga neses núcleos antes do ano 2013.
Adicionalmente, seguindo as indicacións que a CMT vén establecendo, a rede de transporte creada poderá ser compartida con outros operadores, para o que se esixirá para o seu despregamento, unha capacidade mínima de transporte dispoñible condicionada á solicitude de acceso por outros operadores e a creación de puntos de interconexión nas catro provincias.
Estímase que no período 2010-2012 se vexan beneficiados ao redor de 100.000 habitantes, que disporán de redes de transporte de alta capacidade capaces de habilitar redes de acceso a Internet mediante banda larga de calidade.
Redes de Nova Xeración
Para incentivar o desenvolvemento das redes de Nova Xeración (NGA´s) no territorio de Galicia, a Xunta achegará 28.000.000 de euros co fin de acelerar o seu despregamento e situar a Galicia nunha posición punteira na implantación deste tipo de redes que, permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).
En concreto, preténdese impulsar o despregamento de redes de nova xeración, durante o transcurso dos próximos catro anos, en núcleos do territorio galego nos que se pode crear unha importante demanda de acceso a este tipo de servizos.
A estimación prevista é que no 2013 máis de 1 millón de habitantes se beneficien das Redes de Nova Xeración, que permitirán velocidades de servizo de 100 Mbps posibilitando así, o acceso a novos e máis avanzados servizos da sociedade da información.
Ambas as dúas convocatorias forman parte do plan global para permitir situar a Galicia nun núcleo avanzado da sociedade da información, garantindo o despregamento de redes de servizo de banda larga de calidade nas zonas que actualmente máis o precisan así como, fomentando a competencia da oferta de servizo, con claros beneficios en custos, calidade e servizos para os usuarios finais.