O DOG publica hoxe a primeira convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

Xoves 25 de Setembro de 2014

O DOG publica hoxe a primeira convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

O certificado, que emite a Amtega, acredita a formación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada.

Poderán optar a esta certificación un total de 360 persoas que realizarán un exame presencial tras un curso de teleformación a través da aula virtual de CeMIT.

En outubro abriranse novas convocatorias para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios e non precisen cursos de formación.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que oferta 360 prazas. Par acadar a certificación, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é preciso superar un exame, tras o seguimento dun curso de preparación na modalidade de teleformación a través das aulas CeMIT.

Para acceder a este curso, os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame.

O curso, con 190 horas de formación, habilitará ao alumnado para a realización da proba de avaliación que será necesario superar para obter a certificación. Así o se recolle o Decreto 218/2011 que a regula, e que terá carácter presencial para garantir a calidade e transparencia do proceso de acreditación.

Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante a realización deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice.

Próxima convocatoria de exames presenciais
No vindeiro mes de outubro publicarase mediante nova resolución no DOG a convocatoria de exames presenciais en diferentes aulas CeMIT para avaliar a todas aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios sen necesidade de realizar cursos de fomación.

De esta forma, os cidadáns terán a súa disposición unhas datas concretas nunha serie de aulas CeMIT que lles acercarán esta posibilidade a súa comarca, evitando desprazamentos dende a localidade onde residan.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros