O DOG publica hoxe a orde que regula as axudas para subvencionar a contratación de internet no fogar no período 2011-2012
Os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión de Internet cunha das operadoras de telecomunicacións acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras
Hoxe ábrese o prazo do proceso de selección para as entidades queiran colaborar na xestión destas subvencións
A Administración investirá 1,4 millóns de euros na execución destas axudas
Están dirixidas ás familias residentes en Galicia cunha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 euros
Concederase unha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión durante un ano cunha contía máxima de 180€
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pon en marcha un programa de axudas para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan contratar a conexión a Internet nos seus fogares. Así se recolle nunha orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
A Administración autonómica destinará no período 2011-2012 un investimento de 1.470.460 para a execución destas axudas, das que se poderán beneficiar a arredor preto de 8.200, que por ter menos recursos non dispoñían de conexión a Internet no fogar.
Beneficiarios das axudas
Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas.
Ademais, os posibles beneficiarios deberán contratar a conexión de Internet cunha das operadoras de telecomunicacións acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras.
Importe das axudas
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cuota mensual será asumido pola entidade colaboradora.
Entidades colaboradoras
As operadoras de telecomunicación, acreditadas previamente pola Xunta de Galicia como entidades colaboradoras, serán as encargadas da tramitación das axudas. Coa publicación desta orde os operadores de telecomunicacións que oferten servizos de Internet na Comunidade Autónoma interesados en colaborar na xestión destas axudas teñen un prazo dun mes desde mañá para presentar as súas solicitudes.
As entidades colaboradoras encargaranse da promoción da contratación e subministro do servizo actuando como canle entre os destinatarios das subvencións e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Esta colaboración abarcará desde a comprobación inicial dos requisitos documentais dos solicitantes da axuda, a realización ante a Secretaría Xeral dos trámites para solicitar a axuda, o abono da subvención mediante o desconto nas facturas do usuario e a xustificación e certificación da axuda ante a Secretaría Xeral. Para a realización destes trámites, a Xunta porá a disposición das entidades colaboradoras unha plataforma telemática para garantir unha xestión totalmente electrónica das subvencións.
Superar a barreira económica
O elevado custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Este programa de axudas busca reducir as barreiras económicas de entrada ao uso da banda larga mediante apoios económicos de cara á contratación deste servizo para seguir axudando aos colectivos máis desfavorecidos e así garantir a igualdade de oportunidades no acceso á información.