O DOG publica hoxe a liña de axudas de 2 millóns de euros para impulsar o espírito emprendedor entre os investigadores e titulados universitarios
A iniciativa do Goberno galego subvencionará as iniciativas de base tecnolóxica creadas a partires do 16 de setembro de 2009
A acción da Xunta inclúe axudas para a creación directa de emprego e para o inicio e posta en marcha da actividade, entre outras medidas
O Goberno galego destinará dous millóns de euros, a través dunha orde da Consellería de Traballo e Benestar, para impulsar o espírito emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios co propósito de transformar os resultados dos seus traballos de investigación en proxectos empresariais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a normativa, que subvencionará as novas iniciativas de base tecnolóxica (IEBT´s) creadas desde o 16 de setembro de 2009 e ata o 30 de xuño de 2010.
A finalidade principal desta actuación da Xunta é fomentar a cultura emprendedora nos campos da investigación científica e da innovación tecnolóxica que fundamentalmente se levan a cabo nas tres universidades galegas, así como en outros organismos vinculados ao sistema da innovación. En definitiva, trátase de fomentar a cultura do traballo por conta propia e da iniciativa individual no ámbito universitario e investigador.
A liña de financiamento inclúe axudas á creación directa de emprego, é dicir, subvenciona os postos de traballo de carácter estable ou indefinido creados durante o primeiro ano de actividade. Así mesmo, inclúe subvencións por asistencia técnica que permite contratar a expertos técnicos de alta cualificación.
Ademais, o apoio á función xerencial para o acompañamento na instalación da empresa e coa finalidade de favorecer a permanencia dos novos empregos creados é outra das accións que apoia a orde de Traballo e Benestar. Dito apoio poderá revestir as modalidades de axuda por titoría, formación e realización externa de estudos e informes.
Por último, a orde inclúe unha axuda financeira para a redución dos xuros do préstamo que sexa necesario solicitar para os investimentos en inmobilizado material e unha subvención para financiar os gastos que conleva a posta en marcha da nova actividade empresarial. O importe máximo das axudas estará en función dos postos de traballo estables que se cren durante o primeiro ano de actividade.
Ademais dos incentivos económicos que facilitarán a consolidación destas novas IEBT´s, este programa complementase coa configuración dunha rede específica formada por profesionais especializados no estudo e asesoramento destes proxectos, que teñen por función facilitar a cualificación dos mesmos ou seu reorientación cando proceda, asegurando as mellores perspectivas de consolidación e permanencia.
O Goberno galego este ano, como novidade, reestruturou as contías dos incentivos establecidos na orde co fin de lograr unha maior cohesión co resto de programas postos en marcha no ámbito das políticas activas de emprego.
De feito, a iniciativa vincúlase a este tipo de políticas, xa que o fomento do espírito da empresa é unha das actuacións prioritarias no desenvolvemento das políticas activas de emprego.