O director xeral do Libro asegura que a plataforma web ‘Cegal en Rede’ contribuirá a mellorar o coñecemento sobre a realidade do sector libreiro en Galicia
Francisco López asistiu esta mañá en Santiago á presentación da sección galega da web da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros, que ofrece información de toda índole relativa ao sector de comercialización do libro nos seus distintos formatos
Segundo o director xeral, “a web permite coñecer a realidade das vendas do libro galego e analizar en que ámbitos é conveniente e necesario facer un maior esforzo”. “O coñecemento da realidade do noso libro é imprescindible para calquera política de futuro”, apuntou
O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, asistiu esta mañá na Biblioteca do Consello da Cultura Galega á presentación da sección galega da ferramenta tecnolóxica ‘Cegal en Rede’, promovida pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros, que ofrece a través de internet información de toda índole relativa ao sector de comercialización do libro nos seus distintos formatos. A presentación, enmarcada nas ‘Xornadas profesionais do sector do libro 2011’ organizadas polo Clúster do Libro, contou ademais coa participación do presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, e o presidente da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Librerías, Fernando Valverde.
Na súa intervención, o director xeral destacou a colaboración da Xunta de Galicia co proxecto dos libreiros galegos e asegurou que, grazas a este novo sistema, “podemos coñecer a realidade das vendas do libro galego e a demanda do público sobre o libro galego e coñecer en que ámbitos é conveniente e necesario facer un maior esforzo”. “O coñecemento da realidade do noso libro é imprescindible para calquera política de futuro”, apuntou Francisco López.
‘Cegal en Rede’ responde á necesidade do sector de integrarse na dinámica dos servizos ofrecidos polas librarías avanzadas, con cobertura de nivel mundial. A web, localizable no enderezo www.cegal.es, inclúe excelentes estudos verbo da dinámica de vendas, moi importante para coñecer as tendencias e as preferencias do público, e as fórmulas máis eficaces para adaptarse ás novas necesidades e posibilidades que ofrece actualmente a técnica.
A nova sección galega de ‘Cegal en rede’ resulta especialmente importante para o sector, debido ás transformacións particulares que se dan nesta comunidade. Galicia conta cunha industria do libro de primeiro nivel que se desenvolveu moi rapidamente, polo que os axentes comerciais deben modificar inercias para situar no mercado galego produtos propios, con personalidade e inmediatez, en canto á produción e contidos. Do mesmo xeito, a nova ferramenta contribúe aos libreiros de Galicia a chegar ao importante público que o libro galego atopa fóra dos propios límites xeográficos.