O director xeral de Xustiza recalca a aposta do Goberno galego pola xustiza nun escenario de redución presupuestaria
Debido ao incremento dos procedementos no eido laboral, a Xunta ten solicitado un novo xulgado do social para Vigo e outro maxistrado para a Sala do Social no TSXG
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, recalcou hoxe na inauguración das Xornadas de Inverno da Asociación Xustiza e Sociedade de Galicia, a firme aposta do goberno galego pola administración de xustiza , xa que neste ano 2011 a Xunta incrementa nun 7% o orzamento en materia xudicial. Este reforzo orzamentario abarca tres grandes eixes de actuación, coma a Planta Xudicial, as infraestruturas e as novas tecnoloxías.
Martín destacou na súa intervención que para a Xunta, a situación da xustiza é unha área prioritaria, pola que aposta decididamente no marco das súas competencias. Por iso, e pese ás dificultades económicas, estase a realizar un importante esforzo para dotar á Xustiza dos medios que necesita, con iniciativas como o Plan de Infraestruturas Xudiciais, o Plan Senda para dotar de novas tecnoloxías e informatizar os xulgados galegos, e o compromiso coa asistencia xurídica gratuíta, que durante o vindeiro ano mantén constante a súa dotación.
Segundo palabras do director xeral , a Xustiza -como un servizo público- deber ter unha presenza importante, porque cando a xustiza funciona ben, moitas das outras cousas funcionarán ben. Neste contexto o incremento da actividade xudicial coincide no tempo co proceso de modernización e cambio da Xustiza na historia da nosa democracia. Podemos apreciar o incremento de xuízos vinculados á crise, singularmente na xurisdición mercantil e social, nas execucións hipotecarias e tamén apréciase o incremento da xustiza gratuíta nun 30%.
Para o 2011 a Xunta vai a investir 161 millóns de euros en materia de xustiza, o que significa que se incrementan nun 7%. Mantéñense os orzamentos en materia de xustiza de paz e xustiza gratuíta, como os primeiros chanzos cos que se atopa a cidadanía cando acude ao servizo público da xustiza, e increméntase o capítulo de persoal. Por outra banda, realízase unha importante achega desde a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para avanzar nunha xustiza tecnolóxicamente acorde á realidade do século XXI.
No ámbito da xurisdición Social, Juan José Martín destacou quen nos últimos anos asistimos a un aumento na duración estimada dos procedementos no eido laboral, no que sen dúbida inflúe o aumento dos procedementos na xurisdición social, polo que a Xunta ao longo dos anos 2009-2010 ten posto en funcionamento 5 novas unidades do Social na nosa comunidade, e solicitado un novo xulgado do social para Vigo, e outro maxistrado para a Sala do Social no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.